DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns é posible inscribirse en sete obradoiros abertos a toda a cidadanía

A programación de obradoiros do campus renóvase con arte 3D, estampados téxtiles, cerámica e xestión de marcas

Xunto a novas edicións dos curso de tenis e pádel, identificación de árbores e ‘tufting gun’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cursos
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/02/2025

As aplicacións da arte 3D na animación ou nos videoxogos, o manexo dun forno para a creación de pezas cerámicas, o emprego da impresión dixital na creación téxtil e a xestión de marcas por parte das pequenas empresas. Estas catro temáticas centran as novas propostas que neste segundo cuadrimestre se suman á programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, que se completa con novas edicións dos cursos de iniciación ao tenis e pádel, identificación de árbores e manexo da pistola de fíos tufting gun. Abertos a toda a cidadanía, a inscrición neste sete obradoiros pode realizarse desde este luns 3 ata o 14 de febreiro a través de Campus Activo.

Recoñecidos cun crédito ETCS por cada 30 horas de traballo, todos os talleres teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á UVigo. 

Catro novas propostas

Entre os obradoiros que se ofertan por primeira vez atópanse actividades como Iniciación á arte 3D para animación, videoxogos e ilustración, que propón unha primeira aproximación ás ferramentas e técnicas básicas de arte 3D empregadas nas industrias da animación e do videoxogo. Impartido polo investigador Alberto Abal, desenvolverase no CREA Lab da Casa das Campás a partir de 28 de febreiro. 

Para esa mesma xornada está previsto o inicio, na Facultade de Belas Artes, de Iniciación ao forno cerámico, unha proposta que dá continuidade a talleres previos sobre creación de pezas cerámicas, pondo o foco desta volta no manexo de distintos tipos de forno e nos procesos de cocción da arxila. Dirixido pola profesora Covadonga Barreiro, contará coa participación como docentes da egresada Teresa Pece e dos ceramistas Emilia Guimeráns e José Juan Unzueta.   

Tamén o 28 de febreiro, comezará o taller Técnicas gráficas para a impresión dixital e sostible, centrado en coñecer os aspectos fundamentais dos estampados téxtiles e explorar diferentes posibilidades creativas. Este obradoiro terá como sede a Facultade de Deseño e será e impartido polos profesores Román Corbato e Román Padín xunto coa artista e deseñadora téxtil Sandra Barreiro. 

Outra das novidades será Creación e xestión de marcas no comercio e pequena empresa, un curso práctico dirixido principalmente a emprendedores e empresarios e centrado en amosarlles a importancia estratéxica das marcas e da identidade visual. Impartido polo profesor Jesús Pérez Seoane e pola profesional do deseño corporativo Belén Gómez de las Las Heras, desenvolverase entre o 10 e o 31 de marzo na sede da Vicerreitoría.

Tres obradoiros que repiten

Entre marzo e abril, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Club de Tenis Pontevedra  e a Escola Pádel San Narciso de Marín serán as sedes da segunda edición de Iniciación aos deportes de raqueta e pa, un curso dirixido polo profesor Iván Prieto que permitirá comprender os fundamentos técnico-tácticos destes deportes e iniciarse nos seus golpes básicos, coa participación como docentes, entre outros, dos adestradores  Antonio José Silva e Luis Encinas.

Tamén en marzo, dará comezo na Escola de Enxeñaría Forestal a terceira edición de Descubrindo as árbores: identificación e usos, un taller que combinará as sesións de aula coas saídas de campo e que será impartido polos biólogos Adrián Melón, Nerea Cazás e Hugo Fernández. 

Por último, Belas Artes acollerá, do 24 ao 28 de marzo, unha nova edición do obradoiro Iniciación ao tufting gun, impartido polo artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora Miriam Cartagena, que amosarán ás persoas paticipantes como empegar esta pistola de fío para realizar tapices ou alfombras.