DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O egresado de Aeroespacial Moisés del Puerto realizou un traballo sobre a súa dispersión

A propagación de aerosois, a análise nunha sala de exames do edificio do Campus Auga

Froito dos resultados destaca que a distancia interpersoal debería ter sido maior dos 1,5 metros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 13/09/2021

Entre outros moitos aspectos, a covid-19 trouxo á palestra un destacado interese pola propagación de aerosois en espazos pechados. No seu traballo fin de grao, o estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo Moisés del Puerto, baixo a dirección dos profesores do centro Elena Martín Ortega e Iván Area, analizou a propagación destes aerosois na sala de exames do edifico do Campus Auga, no campus de Ourense. Entre os resultados acadados destaca como “a distancia interpersoal debería ter sido maior dos 1,5 metros empregados como medida de prevención durante a pandemia”.

Calefacción, ventilación e aire acondicionado

“O obxectivo fundamental do meu traballo foi comprender a propagación de aerosois nunha aula (en particular nunha aula de exames) e axudar a previr a propagación do virus da covid-19 nas pingas de saliva”, comenta o autor, que sinala como escolleu este tema tendo en conta a súa actualidade e utilidade pero tamén o feito de que lle pareceu un problema de mecánica de fluídos “interesante de afrontar”. O seu estudo centrouse no modelado do transporte de aerosois na sala elixida, emprgada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, baixo diferentes condicións de ventilación de HVAC, iniciais que corresponden con H (heating-calefacción), V (ventilating-ventilación) e AC (air conditioned-aire acondicionado).

O modelo numérico implementado, destaca o egresado, “resolve a inxección de partículas de aerosois expulsadas por unha persoa que esbirra, analiza os peores lugares ventilados da habitación e propón contramedidas para minimizar os riscos”. Para contrastar o modelo, Moisés del Puerto realizou distintos experimentos con persoas reais que serviron para afinar o modelo e corroborar a validez das hipóteses propostas.

Dende o punto de vista técnico, o método de resolución empregado, sinala o autor do traballo, céntrase no modelo de fluxo de fluídos multifásicos URANS (para describir o transporte das diferentes especies de gases), axustado á evolución lagranxiana de partículas/paquetes para imitar o transporte de aerosois. Este procedemento, engade, xa está implementado no soporte lóxico CFD de código aberto OpenFOAM e o método de resolución completo utilizouse no traballo nun dominio tridimensional, unha vez que se realizou unha validación experimental para un caso base.

Diferentes diámetros de partículas

Sobre os resultados acadados, Moisés del Puerto sinala que “os descubrimentos máis relevantes son que as partículas pequenas con diámetro menor que 10 μm poden permanecer no aire durante longos períodos de tempo e que case poden ser aproximadas polas liñas de fluxo”. Por outra banda, engade, “as gotas maiores con diámetro igual ou maior que 40 μm tenden a caer antes pero vense moi afectadas pola velocidade do fluído, no noso caso facéndoas viaxar máis de dous metros. Isto suxire que se debería aumentar a distancia interpersoal para evitar o contacto con estas pingas máis grandes. O caso presenta poucas partículas e unha turbulencia relativamente baixa. É seguro supoñer que é unha das razóns polas que non se consegue unha alta proporción de mestura”.

Á vista dos resultados obtidos e das aplicacións prácticas do traballo desenvolvido, tanto o autor como os codirectores do traballo concordan en que “convén continuar nesta liña de estudo para, por exemplo, ter en conta a maior transmisibilidade das novas variantes”. Trátase, apuntan, “dun problema moito máis complexo do que poida parecer” e que require dun coste computacional moi elevado.