DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades terán lugar o 25 e 26 de febreiro e o 4 de marzo

O proxecto Aldearmos continúa a súa programación cun encontro de emprendemento rural e unha nova sesión en Laza

A iniciativa conta co apoio de entidades como a Vicerreitoría do campus e Agadic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/02/2023

O proxecto Aldearmos é un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos rurais das provincias de Ourense e Lugo. A iniciativa, que conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e de entidades como Agadic (Xunta de Galicia), púxose en marcha o pasado 23 de outubro en Vilar de Santos e desde entón está percorrendo diferentes puntos do rural galego co obxectivo de amosar a súa vitalidade e contribuír a asentar proxectos culturais nel. As súas próximas citas son a celebración dun encontro de emprendemento rural e unha nova sesión en Laza (Ourense).

O 1º Encontro de emprendemento e xestión cultural no medio rural: Aldearmos, explican desde a rede, terá lugar este sábado e domingo, 25 e 26 de febreiro, no Museo de San Paio de Narla (Lugo), contando coa colaboración da Rede Museística de Lugo. A iniciativa, que se enmarca no Programa Europeo Territorio e Cultura, contará coa participación de persoas que desenvolven proxectos culturais no rural, como son Cinema Palleiriso, Sacraexperience, Ruralisto, Ribeiro Land Art ou A Casa Vella.

Polo que respecta á nova sesión de Aldearmos, será no Concello de Laza o sábado 4 de marzo. “Como no resto dos Aldearmos, o campus de Ourense e a Rede Aldear colaborarán con axentes culturais da contorna. Neste caso traballamos co proxecto Casa Terra Alma, que se define a si mesmo como un lugar que nace na procura dunha forma de vida máis sostible en harmonía coa natureza”, comentan desde a organización. Con esta filosofía, indican, a programación de Aldearmos Laza contará cun concerto, unha visita guiada, un obradoiro e mostra de cociña e unha conferencia. Así, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo inaugurará unha mostra na Casa Terra Alma coas obras premiadas na sección de fotografía dos concursos culturais da Universidade de Vigo dos anos 2021 e 2022 e o investigador da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Deibe Fernández Simo ofrecerá unha conferencia sobre educación social en contornas naturais privilexiadas. O concerto correrá a cargo de Cinta Adhesiva e a visita guiada e de observación de avifauna terá lugar pola contorna das Eiras.