DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Xunta de Galicia

O proxecto Biofast, que desenvolve un biomaterial para rexeneración ósea, obtén un dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Desenvolvido polo grupo de investigación en Novos Materiais, que forma parte de Cintecx

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 25/06/2021

O grupo de investigación en Novos Materiais da Universidade de Vigo, liderado polo catedrático Pío González, acada un novo recoñecemento á súa traxectoria científica ao obter un dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. O seu proxecto Biofast, que ten como obxectivo xerar un biomaterial para rexeneración ósea, foi galardoado na categoría Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación. 

O grupo, que forma parte do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo, desenvolveu un proceso de fabricación de biocerámicas a partir de dentes de tiburón para a súa aplicación clínica como enxerto óseo en odontoloxía e traumatoloxía. Trátase do primeiro produto destas características de orixe mariño, cunha composición similar á do óso humano, e que presenta boas propiedades fisicoquímicas que favorecen a osteointegración. O xurado dos premios valorou o desenvolvemento e transferencia dun produto biomédico innovador cunha excelente aplicación en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial.

No proxecto están implicados os investigadores do Grupo de Novos Materiais Pío González, Julia Serra e Stefano Chiussi, que reciben o premio coa satisfacción enorme de que os seus resultados científicos poidan redundar nun beneficio directo á saúde e benestar das persoas e, desta forma, retornar á sociedade parte do investimento en I+D ao longo destes anos. González recalca que “os recoñecementos son sempre acollidos con ledicia por parte dun grupo de investigación e son un indicador de que as cousas van polo bo camiño". Pero neste caso "é moi especial, dado que o recoñecemento xorde da Real Academia Galega de Ciencias, unha institución que está constituída por investigadores e investigadoras de varios ámbitos con grande relevancia e que son referentes para todos nós”.

Do laboratorio ao mercado

O proxecto Biofast arrancou en 2013 como resultado da participación do Grupo de Novos Materiais no proxecto Marmed (Interreg Atlantic Area) sobre a valorización de subprodutos e descartes da pesca sostible mediante a obtención de produtos biomédicos. Unha vez concluída la fase investigadora, en 2017 arrancou o proceso de transferencia de tecnoloxía grazas ao financiamento do programa Ignicia de Gain, que lles achegou recursos económicos e humanos para introducir este produto no mercado. Con este obxectivo, o grupo asinou un contrato de licenza coa empresa Ziacom Medical. A compañía, explica Pío González, atópase “na fase de implementación do proceso de fabricación deste biomaterial nas súas instalacións. A produción debe realizarse en sala branca cun control de calidade moi esixente, como require a normativa regulatoria dos produtos biomédicos. O seguinte paso será solicitar a autorización para iniciar os ensaios clínicos en humanos”.

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia están destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta sétima edición recibíronse un total de 32 propostas para as tres categorías do certame. O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez e Elena Polo, de Gain, Norberto Penedo do Igape e Luis Álvarez Sestelo, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). 

En total, outórganse tres premios en outras tantas categorías. Ademais do galardón Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación, que foi para o proxecto vigués, tamén se fallaron os premios Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada e o premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida a empresas.

No primeiro caso, a distinción foi para un traballo sobre a utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura desenvolvido por investigadores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Na outra categoría, o xurado premiou a Alice Biometrics, spin-off do centro tecnolóxico Gradiant, que explota comercialmente a solución de verificación de identidade desenvolvida neste centro durante máis de oito anos. 

Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.