DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido na convocatoria de innovación docente de Ciencias da Educación e do Deporte

Un proxecto converte unha clase nun ‘escape room’ para ensinar primeiros auxilios

O estudantado valorou a proposta como “útil, formativa e aplicable a outros contextos”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/01/2026

Co propósito de afondar nas posibilidades do escape room como metodoloxía activa para a aprendizaxe de primeiros auxilios, un equipo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveu un proxecto de innovación que abrangueu tanto o deseño dun escape room educativo como a avaliación da súa eficacia como ferramenta formativa. Consistentes en enfrontar un grupo de persoas á resolución en equipo dunha serie de enigmas, as dinámicas destas salas de escape empregáronse neste caso no marco da materia Actividades físico-deportivas no medio natural e a súa didáctica, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Nomeadamente, o proxecto coordinado polo profesor Iván Prieto, do grupo de innovación docente Innova-Educación e Deporte, centrouse nos contidos de primeiros auxilios no medio natural, que as e os participantes debían pór en práctica para ir resolvendo unha serie de probas.

Desenvolvido ao abeiro da convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade para 2025, esta experiencia contou coa participación de 96 estudantes desta titulación, así como coa colaboración de 17 docentes do centro no seu deseño, desenvolvemento e avaliación. “A combinación entre a gamificación, a resolución de problemas e a aplicación práctica de coñecementos vinculados á seguridade no medio natural favoreceu unha aprendizaxe experiencial, relevante e contextualizada”, sinala o equipo promotor desta iniciativa. Os seus resultados, recollidos agora nunha publicación de innovacón educativa, mostran o escape room educativo como “unha ferramenta pedagóxica eficaz para integrar a aprendizaxe teórica e práctica, reforzar a seguridade no medio natural e promover competencias profesionais clave, como a toma de decisións, o traballo en equipo e a resolución de problemas”, á vez que fomenta a motivación e cooperación do alumnado.

Cooperación e competición

Entre os obxectivos do proxecto figuraba promover unha aprendizaxe activa sobre contidos “relacionados coa seguridade, a prevención e actuación ante emerxencias no medio natural”, un ámbito no que, subliña Prieto, “a formación en primeiros auxilios resulta indispensable”. Con esa idea, este escape room englobaba unha serie de probas que requirían pór en práctica os coñecementos adquiridos sobre a abordaxe de “traumatismos, feridas, picaduras, síncopes ou picaduras”. En diferentes sesións, o alumnado participaba en equipos nunha competición que tiña como punto de partida “cinco caixas idénticas”, nas que ían atopándose unha serie de elementos, como tarxetas con códigos ou enigmas e debían ir resolvendo probas “vinculadas á prevención, identificación de riscos e actuación ante emerxencias” para poder acceder ao seguinte compartimento. Completada a caixa, os equipos accedían á última proba, centrada na actuación ante unha parada cardiorrespiratoria, nunha caixa final común, de tal xeito que o primeiro en resolvela convertíase no equipo gañador, “engadindo así unha compoñente lúdica e competitiva que reforzou a motivación e a implicación do estudantado”. 

Deste xeito, a actividade permitía que o alumnado traballase de forma cooperativa na resolución de “retos interconectados”, que supuñan enfrontarse “a escenarios simulados que esixen a aplicación inmediata de coñecementos teóricos sobre avaliación de riscos, actuación ante emerxencias e priorización de accións básicas de primeiros auxilios”. 

Unha ferramenta cun “alto potencial pedagóxico”

O proxecto completouse cunha fase de avaliación, a través dun cuestionario dirixido a coñecer as percepcións dos 73 alumnos e 23 alumnas participantes respecto da utilidade educativa desta metodoloxía e da aprendizaxe adquirida. “Os resultados mostraron unha valoración globalmente positiva, caracterizada por altos niveis de motivación, implicación, cooperación e utilidade percibida, sen diferencias significativas entre sexos”, sinala o equipo responsable do proxecto. A maioría dos participantes, engaden, sinalaron que a experiencia “facilitou a comprensión dos conceptos tratados” na materia, fomentou o traballo en equipo e incrementou a súa “disposición a ampliar coñecementos sobre a prevención e a actuación ante emerxencias”.

O estudantado percibiu a experiencia como “útil, formativa e aplicable a outros contextos”, sinalando o escape room como unha ferramenta que “adecuada para abordar contidos teóricos desde un enfoque práctico”. Nese senso, o proxecto permitiu pór de relevo o “alto potencial pedagóxico” deste tipo de metodoloxías en ámbitos como o das Ciencias da Actividade Física e do Deporte, cuestión na que Prieto xa afondara nun proxecto de innovación previo, que levou ao deseño dun escape room centrado na historia dos deportes de loita. De aí que sinale que outro dos propósitos desta iniciativa era deseñar unha actividade “que poida ser útil na propia materia”, o que, tras a súa posta en proba, fará que “este proxecto vaia evolucionar aínda” de cara converterse xa nun recurso docente.