DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo da UVigo traballa no desenvolvemento do dispositivo e da aplicación previstos

O proxecto para pór a disposición dos concellos ferramentas coas que elaborar mapas de calor entra na súa segunda fase

Así se anunciou este xoves nunha visita ao campus do reitor e a conselleira de Medio Ambiente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 10/07/2025

O pasado ano, a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia arrancaron unha liña de colaboración co obxectivo último de proporcionar aos municipios galegos unha serie de ferramentas que lles permitan elaborar os seus propios mapas de calor e localizar neles os potenciais refuxios climáticos e illas de calor atendendo á preservación da biodiversidade. Tras a elaboración da metodoloxía por parte do equipo da UVigo, a iniciativa está xa na súa segunda fase co desenvolvemento do dispositivo portátil e da aplicación informática previstos. 

Estes avances foron explicados este xoves nunha visita ás zonas verdes do campus de Ourense na que participou Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Pedro Orgeira, docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Aerospace Technology Research Group (ATRG)-atlanTTic da UVigo, responsable do proxecto. 

O reitor agradeceu “a confianza depositada na Universidade” por parte da consellería e destacou que esta iniciativa enmárcase na preocupación xeral e compartida pola comunidade universitaria “pola situación que o cambio climático vai a producir na nosa contorna e no mundo en xeral”. O seu impacto, indicou, “vainos a facer a vida máis complicada e a Universidade está para servir á sociedade”. Pola súa banda, a conselleira subliñou a importancia de desenvolver este tipo de proxectos tendo en conta que os veráns prevense cada vez máis calorosos, apuntando que en xuño Galicia tivo as temperaturas máis altas rexistradas de toda a serie histórica, cunha media de 20,5º, 2,8º máis da media (5º máis no caso de Ourense). Respecto ao proxecto, Ángeles Vázquez sinalou que “rematamos unha primeira parte do convenio que asináramos coa Universidade en novembro do ano 2024, temos xa o que é a metodoloxía en si, e agora temos que aterrala”.  

Da metodoloxía á aplicación

A metodoloxía do proxecto foi elaborada ao abeiro do convenio feito entre a consellería e a UVigo o pasado ano, asinando posteriormente este mes de xuño un segundo convenio no que tamén participa o Concello de Ourense para a elaboración dun proxecto piloto de refuxios climáticos para a biodiversidade na cidade de Ourense. A metodoloxía abarca a segmentación segundo a tipoloxía do concello (tendo en conta cuestións como a poboación, superficie, o seu clima e se é urbano ou rural), a determinación das zonas de illas de calor e de refuxios climáticos, a captura de datos do municipio (como temperatura, humidade e radiación solar xeolocalizados e almacenados nunha plataforma centralizada) e o tratamento de datos e elaboración de mapas de calor mediante ferramentas de intelixencia artificial e sistemas de información xeográfica para consulta pública e validación dos concellos. 

A segunda fase do proxecto está en marcha agora co deseño do dispositivo de captura de variables meteorolóxicas (que calquera persoa pode portar para recoller datos) e proba do mesmo. A información obtida pasarase a un programa informático para avaliala e facer propostas de zonas como illas de calor, refuxios climáticos e zonas de preservación da biodiversidade. Unha vez deseñado este dispositivo, probarase na cidade de Ourense, onde se vai realizar o proxecto piloto de mapa de illas de calor e refuxios climáticos, por ser a cidade galega sometida a temperaturas máis altas. Os resultados desa iniciativa poderán replicarse nos concellos a través da Rede local polo clima. Ademais, como última fase desta acción, a intención é deseñar unha aplicación móbil, accesible para a cidadanía, que mostrará mapas actualizados de illas de calor en cada cidade así como recomendacións para minimizar a exposición ao calor extremo. O obxectivo é que estea operativa a finais deste ano. 

Con estas ferramentas, tanto o dispositivo portátil como a aplicación informática, as entidades locais poderán identificar no seu ámbito de actuación cales son as illas de calor (as zonas coas temperaturas máis altas do concello), cales os refuxios climáticos (áreas frescas, verdes e con arborado que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de temperaturas elevadas) tendo en conta biodiversidade da zona.