DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de case 5,5m€, é o único Hub de Innovación Dixital galego con apoio económico da CE

O proxecto EDIH DATAlife permitirá acelerar a transformación dixital das pemes galegas

Coa implicación da UVigo e atlanTTic, céntrase nos sectores primario, biotecnolóxico e da saúde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/03/2023

A Universidade de Vigo e o centro de investigación atlanTTic son dous dos socios do proxecto EDIH DATAlife, o único Hub de Innovación Dixital galego que recibe apoio económico da Comisión Europea. Unha vez acadado este selo de excelencia, o proxecto botou a andar a comezos deste ano cunha duración de tres anos e un orzamento total de case 5,5 millóns de euros, dos cales o 50% serán cofinanciados pola CE e, o resto, polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.

Coa participación de 15 socios, o obxectivo común é acelerar a dixitalización  e aplicar intelixencia artificial e big data nas empresas, fundamentalmente das pemes, que desenvolven a súa actividade nalgunha das catro cadeas de valor estratéxicas de Galicia e de DATAlife: agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados.

EDIH DATAlife (Digital Innovation Hub for the deployment of Artificial Intelligence and Data Analytics in SMEs in the primary, biotechnological and health sectors) conta coa participación das universidades de Vigo e Santiago, Feuga, Anfaco, Gradiant, Cesga, varios clústeres sectoriais e a empresa Televés. Do orzamento total de 5,5 millóns de euros, 522.000 euros corresponden á Universidade de Vigo, cun financiamento europeo de 261.000. 

Biorrexión de referencia en Europa

O proxecto nace coa misión de converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. Trátase de axudar a mellorar a competitividade das empresas galegas introducindo tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, o big data, o internet da cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade; ademais da creación de espazos colaboradores e federados. En resumo, o consorcio busca dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitando o acceso a financiación, promovendo a formación en dixitalización e fomentando que as empresas proben este tipo de tecnoloxías sen custe.

Deste xeito, DATAlife converterase nunha fiestra única de acceso a servicios especializados e innovadores de carácter tecnolóxico, formativo e de desenvolvemento de negocio; tecnoloxías e infraestruturas de última xeración de uso compartido a disposición do ecosistema; e actividades de coordinación do ecosistema de innovación arredor das tecnoloxías dixitais.

Como explica Martín Llamas, director de atlanTTic e IP do proxecto na UVigo, o obxectivo é “a adopción por parte das PEMEs do big data, as tecnoloxías de IA, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, entre outras, xa que estas tecnoloxías lles permitirán aumentar a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente”. Para conseguir esta transformación dixital do tecido económico, universidades, centros tecnolóxicos e de competencias, clústeres sectoriais e grandes empresas traballarán xuntos para crear unha contorna xusta, verde e saudable adaptada á era da información. “Unha revolución dixital de alta calidade que se centrará nas persoas, na contorna na que viven e no seu benestar. Isto lograrase aumentado a adopción da IA nas pemes e a administración pública con aplicacións sinxelas, creando espazos de datos colaborativos e federados; aliviando os traballadores mediante a colleita automática de datos con IoT, continuando na senda da competitividade co uso de HPC e asegurando os datos sensibles coas últimas aplicacións europeas en ciberseguridade”.

Implicación da UVigo e de atlanTTic

Dentro deste proxecto, a UVigo forma parte do paquete de traballo Ecosystem & networks, encargándose das tarefas relacionadas coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Pola súa banda, o centro de investigación atlanTTic está centrado no paquete Test Before Invest, que comprende tarefas como o desenvolvemento de tecnoloxías para a mellora da ciberseguridade; o desenvolvemento, proba, validación e demostración de tecnoloxías dixitais e a investigación, desenvolvemento e posta en marcha de tecnoloxías dixitais adaptadas as necesidades sectoriais.

Outro paquete no que participa atlanTTic é Digital Training & Skills, centrado no  deseño dunha metodoloxía para a formación baseada no análise de necesidades dos sectores e tecnoloxías xa mencionadas. Ademais, tanto UVigo como atlanTTic participan xunto con todos os socios nos paquetes de coordinación e xestión e de comunicación e diseminación. 

As solucións ofertadas contemplan tanto o asesoramento inicial como o ensaio, experimentación e as probas de concepto para a implantación de tecnoloxías AI, big data, IoT e HPC, así como  a mellora na ciberseguridade.

Participación das empresas

Respecto á concorrencia das empresas a esta iniciativa, DATAlife actuará como xanela única para os potenciais usuarios dos servizos, recollendo as súas necesidades e avaliando o seu grao de madurez dixital co obxecto de poder identificar aqueles servizos concretos de especial valor engadido para cada demandante.