Co obxectivo de darlle valor engadido e evitar fraudes
O proxecto estatal Vasbeep busca establecer parámetros bioxeográficos que permitan autentificar o mel e pole producidos en España
Coordinado polas universidades de Vigo e Valladolid e o Ciapa
Valorizar o mel e o pole producidos en España identificando biomarcadores que permitan garantir a súa autenticidade e evitar posibles fraudes. Con este reto as universidades de Vigo e Valladolid e o Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo, de Castela-A Mancha, en colaboración co sector apícola, están a desenvolver o proxecto estatal Vasbeep.
Do coñecemento á lexislación
A biodiversidade vexetal da Península Ibérica, explican desde o proxecto, permite obter unha gran variedade de tipos de mel e pole apícola con características sensoriais diferentes e distinto valor de mercado. Porén, engaden, “non hai lexislación suficiente para garantir a autenticidade na orixe botánica e xeográfica do mel, nin tampouco lexislación específica para o pole”. Neste contexto, incrementar o coñecemento destes produtos apícolas e crear unha base de datos con información homoxénea dos distintos parámetros de interese é segundo as e os investigadores de Vasbeep “imprescindible para propor ferramentas legais para a loita antifraude e a defensa dos consumidores”.
Por outra banda, desde o proxecto explican que o mel e o pole son produtos moi vinculados ao territorio, xa que dependen directamente da flora da contorna das colmeas e do tipo de apicultura que se práctica. A discriminación dos distintos tipos de mel (concretamente mel monofloral) tanto con relación á súa orixe botánica como xeográfica, é unha tarefa que se abordou desde distintas disciplinas científicas. Porén, subliñan as e os investigadores, o avance do coñecemento demostrou que esta diferenciación só é posible cando se aborda cun enfoque multidisciplinar e interdisciplinar. “Para obter un coñecemento completo da composición do mel e o pole requírese o emprego de diferentes técnicas e/ou enfoques que son bastante específicos nalgúns casos”, afirman.
Un proxecto multidisciplinar “ambicioso”
Neste marco de traballo, Vasbeep (Valorización e autentificación dos produtos apícolas de España a partir da súa composición) quere incrementar o coñecemento sobre os tipos de mel e pole de abella producidos en España e desenvolver métodos de novas análise dentro da química sostible para identificar potenciais biomarcadores que se poidan empregar para garantir a autenticidade do mel e o pole de abella. Arrancou en 2023 e remata no ano 2026, contando cun orzamento total de 362.500 euros e financiamento da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Trátase dun proxecto coordinado composto por tres subproxectos liderados pola Universidade de Vigo, o Ciapa (Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo, de Castela-A Mancha) e a Universidad de Valladolid.
Da Universidade de Vigo participa desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais formado por Mª del Carmen Seijo, Olga Escuredo, M. Shantal Rodríguez, Montserrat Míguez, Rifka Nakib e Sonia Harbane, contando tamén coa colaboración dalgúns investigadores e investigadoras do Instituto Politécnico de Bragança (IPB), como Soraia Falcao. Elas e ele céntranse na análise do perfil de volátiles e das actividades biolóxicas do mel e o pole de abella, así como a aplicación da tecnoloxía NIR para a estimación e determinación rápida de propiedades específicas.
“Este proxecto nacional coordinado é multidisciplinar e ambicioso, con grupos de investigación con forte experiencia na área de estudo e que abarca diferentes campos de coñecemento”, subliñan desde Vasbeep. Neste senso subliñan ademais que o traballo realízase en colaboración con produtores, industrias apícolas, asociacións, entidades públicas e outros actores interesados. Así, entre as liñas de traballo de Vasbeep están, en colaboración co sector, conseguir, con garantías de trazabilidade desde a orixe, unha mostraxe representativa da produción apícola nacional (abarcando distintas áreas bioxeográficas e as súas peculiaridades relativas ás plantas) e cun amplo número de mostras de colleitas consecutivas.