Desenvolvido pola UVigo, o INSAP e a Universidade Ibn Tofail de Kenitra
O proxecto internacional no xacemento marroquí de Tahaddart remata tras identificar oito factorías de salga
As entidades implicadas fan balance en Rabat dos cinco anos de traballo
O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, o Institut National des Sciences de l'Archéologie et du Patrimoine (INSAP) e a Universidade Ibn Tofail de Kenitra desenvolven desde o ano 2021 o proxecto arqueolóxico internacional MA.RO.CO. O seu obxectivo é afondar no coñecemento do xacemento marroquí de Tahaddart, dedicado á produción industrial de salgas de peixe, e no comercio en época romana na fachada atlántica dese país. Na recta final da proxecto, esta semana as entidades implicadas fan balance da iniciativa nun encontro internacional en Rabat no que destacan os bos resultados acadados.
O proxecto realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos, e a Universidade de Vigo. Ademais, está financiado pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Está dirixido polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández, polo investigador do INSAP Mohamed Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade Ibn Tofail de Kenitra Meriem Hansali. No equipo da UVigo tamén están Patricia Valle, Fermín Pérez e Alba Rodríguez e con el colaboran, en diferentes partes do proxecto, especialistas de institucións como as universidades de León, Barcelona, Coimbra e Porto e o Museu Nacional de Conímbriga (Portugal).
Tres campañas arqueolóxicas e catro de estudo de materiais
O xacemento de Tahaddart sitúase no norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior. Trátase dun complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan varias grandes fábricas de salgadura de peixe. Os traballos realizados ao longo destes anos no marco do proxecto MA.RO.CO permitiron ampliar as dimensións coñecidas deste xacemento, descubrindo novas factorías de salgadura romanas e numeroso material, como milleiros de fragmentos de cerámica, vidro, material lítico e restos orgánicos como ósos, sementes, madeiras, cunchas e restos de peixe. O material arqueolóxico atopado foi depositado no Museo de Lixus, preto da cidade de Larache.
“Estes anos fixemos tres campañas de escavación arqueolóxica en Tahaddart e catro campañas de estudos de materiais en Lixus, Tetuán e Tánxer, de materiais arqueolóxicos de época romana de Tahaddart e doutros xacementos do norte de Marrocos”, explica o equipo da UVigo. Os traballos arqueolóxicos e as prospeccións realizadas permitiron identificar oito factorías de salga construídas a mediados do século I d.C. e que estiveron en funcionamento ata finais do século IV d.C. Ademais das fábricas, tamén se atoparon espazos habitacionais, como unha cociña na que poderían prepararse alimentos para os traballadores do complexo. A factoría 1 do xacemento, que destaca polo seu bo estado de conservación, foi reconstruída en 3D cos datos dispoñibles.
Os traballos realizados no xacemento tamén permitiron “recuperar a primeira mostra de restos de peixe no interior dunha fábrica de salga, demostrando que a Tingitana tamén producía salgas de sardiña e bocarte e non só de atún, como se pensaba ata o de agora”. Outro aspecto novidoso do proxecto é que ao seu abeiro analizáronse as arxilas coas que se facían as ánforas, materiais de construción (como tellas) e cerámicas comúns, para saber cales chegaban de fóra e como era a produción local de alí. Igualmente, as análises arqueobotánicas feitas permitiron reconstruír as especies vexetais da contorna do xacemento.
Os resultados destes cinco anos de proxecto están expóndose no Workshop international garum, salsamenta et économie halieutique en Maurétanie Tingitane: nouvelles données archéologiques et perspectives des recherches, que se celebra do 28 ao 30 en Rabat, capital de Marrocos, organizado polo Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine, coincidindo co seu 40 aniversario, e as universidades de Ibn Tofail de Kenitra, Vigo e Cádiz, tendo esta última un proxecto similar ao da UVigo no xacemento de Lixus. Os resultados están previstos que se recollan nunha monografía.