DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analizarase a súa presenza en zonas de viñedos e de centrais térmicas e de celulosa

Un proxecto de investigación avaliará ata 2022 a contaminación difusa por cobre e mercurio en solos de Galicia

O estudo será realizado por persoal da Área de Edafoloxía e Química Agrícola

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/01/2019

A contaminación difusa é a que se produce en múltiples lugares á vez, non por unha fonte puntual. En Galicia, e dun xeito máis xenérico en todo o noroeste da península ibérica, existen fenómenos de contaminación difusa por metais pesados, entre eles o cobre e o mercurio, asociados respectivamente á actividade de viñedos e centrais térmicas e de celulosa. A avaliación dos solos afectados por estes elementos e a identificación dos seus valores críticos, así como a avaliación da súa toxicidade potencial, representan un reto tanto científico como ambiental e económico. Tendo en conta esta relevancia, un grupo de investigadores e investigadoras da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo vén de iniciar un proxecto de investigación no que ata 2022 realizarán unha avaliación da contaminación difusa por estes dous metais pesados en solos de Galicia.

O estudo, que arrancou a finais de novembro de 2018, está financiado con 115.000 euros pola convocatoria 2018 de Axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia, na modalidade de Proxectos de Excelencia. O investigador principal do proxecto, titulado Avaliación da contaminación difusa por metais pesados en solos de Galicia, é David Fernández Calviño e forman parte do equipo investigador Juan Carlos Nóvoa, Claudia Campillo, Vanesa Santás e Melissa Méndez. A investigación desenvolverase nos laboratorios da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo, situados na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, no edificio do Campus da Auga e no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación e enmárcase na dilatada traxectoria nesta área do equipo que desenvolverá o estudo, “un dos grupos de investigación que máis ten estudado a problemática do cobre en solos de viñedo a nivel internacional”, tal e como destacan os seus responsables.

Desde a concentración ata a avaliación de riscos

Segundo explica David Fernández, “o obxectivo principal deste proxecto será a avaliación da potencial contaminación difusa por cobre e mercurio en solos de Galicia”. Os contidos normais de cobre nos solos, contextualiza David Fernández, poden verse incrementados por diversas causas, sendo estes incrementos moi importantes en solos dedicados a viñedo, principalmente debido á aplicación de funxicidas con base cúprica para eliminar enfermidades provocadas por fungos. Polo que respecta ao mercurio indica como coa entrada en vigor da Convención Minamata existe a obriga dunha redución progresiva do seu emprego en procesos produtivos a nivel global, como poden ser centrais térmicas de carbón ou industrias de produción de sosa cáustica como branqueador da pasta de celulosa.

Para conseguir o obxectivo do proxecto, detalla Fernández Calviño, no seu desenvolvemento contrastaranse os contidos totais de cobre e mercurio en solos cos correspondentes niveis xenéricos de referencia; avaliaranse a influenza da rizosfera na súa mobilidade e os contidos operacionalmente definidos como biodispoñibles. Tamén se determinará a súa toxicidade sobre os microorganismos do solo en relación ás súas concentración e outras variables edáficas e estudarase a ecotoxicidade de cobre e mercurio, incluíndo grupos de organismos de diferentes taxóns, para proceder a unha avaliación final de riscos da acumulación de mercurio e cobre nos solos galegos.

Está previsto que o desenvolvemento do proxecto se realice ao longo de cinco anualidades. Iniciarase coa toma de mostras e a continuación faranse todas as análises necesarias para determinar o contido, mobilidade, toxicidade e ecotoxicidade destes metais pesados. O proxecto, destaca o seu responsable, contará “cun alto número de mostras das diferentes zonas que se pretenden avaliar (zona de influencia de Ence, Meirama e As Pontes e as cinco denominacións de orixe de cultivo de vide de Galicia)”. Segundo detalla David Fernández, tomaranse mostras da capa arable (0-20 cm), procedendo a unha análise e caracterización exhaustiva dos solos, especialmente para poder avaliar a influencia dos seus compoñentes e propiedades na mobilidade e biodispoñibilidade de metais pesados.

Tamén se recollerá para o estudo material das plantas que alí medran, para posibilitar a avaliación do grao de acumulación destes metais na biomasa vexetal, a súa distribución na biomasa aérea e radicular, o cálculo de factores de transferencia solo-planta e a determinación dos niveis totais e biodispoñibles de cobre e mercurio no solo. Adicionalmente, en cada zona de toma de mostras, tratarase de recoller mostra do material litolóxico dominante do que procede ese solo.

Riscos que tamén dependen do solo

Sobre a importancia de levar a cabo este traballo, o seu responsable lembra como entre os potenciais impactos sobre o medio ambiente orixinados por altas concentracións de metais pesados están a contaminación das augas subsuperficiais, a captación polas plantas e, consecuentemente, a bioacumulación na cadea trófica e os posibles efectos adversos debido á toxicidade. “A contaminación dos solos é un serio desafío non só para a produtividade agrícola, tamén para a seguridade alimentaria e a saúde humana”, comenta David Fernández. Todos estes riscos, indica, “dependen da natureza dos contaminantes pero tamén da retención na matriz do solo, polo tanto da súa adsorción e/ou desorción”, sinala o investigador do campus de Ourense. Así, engade, “considerase imprescindible coñecer a capacidade de adsorción e desorción dos solos susceptibles dunha contaminación difusa para avaliar a dispoñibilidade e/ou toxicidade a curto, medio e longo prazo”, apunta por último Fernández Calviño.