Liderado polo Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo
O proxecto Magic descifrará os factores da alta produtividade das Rías Baixas e as causas das floracións de algas nocivas
Estudarase en particular a ría de Pontevedra, que presenta toxicidade máis elevada e persistente
O Grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo acaba de poñer en marcha un novo proxecto que ten como obxectivo entender a produtividade das Rías Baixas e analizar as causas dos episodios de toxicidade. Bautizado como Magic (Modelling and Analysis of phytoplankton Growth in the rías: understanding productIvity and harmful algae Changes), este traballo está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades dentro da convocatoria de Proyectos de Generación de Conocimiento 2024.
Magic conta cun orzamento de 225.000 euros e terá unha duración de tres anos. O proxecto está liderado por Beatriz Mouriño Carballido, investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica, e conta coa participación de Carlos Souto (Departamento de Física Aplicada) e de Marta Sestelo e Nora Villanueva (Departamento de Estatística e Investigación Operativa). Ademais, colaboran institucións nacionais e internacionais como o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC (Vigo), o Southampton Oceanographic Centre e o Plymouth Marine Laboratory, xunto co Instituto Português do Mar e da Atmosfera.
Como explica Mouriño, o proxecto botou a andar este mes de setembro e o seu obxectivo é “desentrañar os factores que explican a extraordinaria produtividade das Rías Baixas e os procesos que favorecen a aparición de floracións de algas nocivas (FAN), un fenómeno que cada ano obriga a pechar temporalmente polígonos de bateas pola acumulación de toxinas”. Estes episodios de toxicidade teñen un forte impacto no sector acuícola, dado que Galicia é a principal produtora de mexillón de Europa e a segunda do mundo, tan só por detrás de China.
O proxecto Magic centrarase en particular na ría de Pontevedra, para estudar por que presenta niveis de toxicidade máis elevados e persistentes cas outras rías galegas. Para isto, os investigadores combinarán observacións oceanográficas, análises de datos de satélite e monitoraxe, técnicas de intelixencia artificial e modelización numérica. A finalidade será “entender como os factores ambientais e hidrodinámicos inflúen na produtividade e na proliferación de especies nocivas como Dinophysis.
Como explica Beatriz Mouriño, esta nova investigación supón a continuación natural do proxecto Remedios, no marco do cal un equipo internacional, liderado tamén pola investigadora da UVigo, desenvolveu varios estudos e liñas de traballo para analizar os factores que desencadean o crecemento do fitoplancto e a importancia que ten a mestura das diferentes capas que forman os océanos.
Na procura das claves da produtividade das rías
As rías galegas, grazas ao fenómeno do afloramento, son un dos lugares máis produtivos do planeta e a industria pesqueira e acuícola galega representa unha compoñente clave da economía azul europea. Pero a pesar da súa alta produtividade, explican os investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica, “temos un coñecemento incompleto sobre a variabilidade temporal e espacial da actividade do fitoplancto na rexión e os mecanismos forzadores”. Os estudos previos revelaron a existencia dun patrón inverso entre a variabilidade a longo prazo da clorofila-a e a duración dos eventos de afloramento e esta variabilidade coincide coa variabilidade temporal da Oscilación do Atlántico Norte durante o inverno. Estes resultados suxiren que as tendencias a longo prazo na produtividade das rías poderían estar controladas por procesos de interacción océano-atmosfera a escala rexional que inflúen na duración dos pulsos de afloramento. Como detalla Mouriño, “as observacións previas na ría de Pontevedra amosaron que a resposta rápida do fitoplancto ao forzamento do vento, tres veces máis rápida que a plataforma, podería explicar a maior produtividade das rías en comparación coa plataforma adxacente”. Pero a pesar de que as catro rías comparten certas características, tamén presentan diferencias morfolóxicas significativas e, como consecuencia, “poderían existir variacións entre as rías no tempo de resposta hidrodinámico ao forzamento do vento e na duración dos pulsos de afloramento e os investigadores propoñen que estas diferencias causan variabilidade na produción primaria entre as rías”.
As floracións de algas nocivas
A outra pata do proxecto é o estudo dos factores que impulsan a formación de floracións de algas nocivas (FAN), que ameazan a sostibilidade económica da produción de marisco nas rías. Polo momento, descoñécense os mecanismos responsables da persistencia de células de Dinophysis e toxinas AO, pero estudos previos suxiren a posible relación entre a acumulación de especies nocivas e a formación de capas finas de fitoplancto (CFF). “Simulacións numéricas indican que os valores de produción de enerxía turbulenta na ría de Pontevedra son máis baixos ca na de Vigo e unha menor produción de enerxía cinética turbulenta e un aumento da estratificación poderían favorecer a maior persistencia de CCF na ría de Pontevedra”. Para verificar estas hipóteses, os investigadores propoñen un enfoque multidisciplinar que combina análises de datos procedentes de programas de monitoraxe e teledetección; observacións realizadas en campañas previas como as desenvoltas no proxecto Remedios; técnicas estatísticas avanzadas; e simulacións numéricas empregando o modelo oceanográfico Croco-Pisces.
Para abordar o risco das floracións de algas nocivas, o equipo elaborará unha lista exhaustiva de posibles escenarios ambientais que favorecen a súa formación nas rías e este marco preditivo facilitará a identificación de condicións de alto risco, informando aos sistemas de alerta temperá e contribuíndo a estratexias de mitigación eficaces que minimicen os impactos ecolóxicos e económicos.
Dúas oportunidades laborais
No marco do proxecto, o CIM-UVigo ofrece varias oportunidades de emprego, en concreto un contrato predoutoral FPI de catro anos de duración e outro de posdoutorameto de 20 meses. Para o primeiro poden presentarse currículos ata o 3 de novembro e para o segundo ata o 20 deste mes de outubro.
