DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os centros de investigación CIM e Ecobas participaron nesta iniciativa xunto con Fundamar

O proxecto Pasos presenta un plan de acción para “abordar dende a I+D+i responsable” as necesidades, ameazas e retos do eido mariño

O obxectivo é aliñar a actividade investigadora da UVigo e coas demandas do sector pesqueiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/09/2022

Control de enfermidades, avances na fisioloxía dos organismos cultivados, estudos sobre a xestión pesqueira ou análises dos impactos do cambio climático. Son moitos os eidos nos que a ciencia e a investigación ten contribuído ao avance do sector pesqueiro, acuícola e transformador dos produtos do mar, sometido ademais, a constantes cambios e transformacións. Neste proceso de xeración de coñecemento o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas, da Universidade de Vigo, teñen un papel moi destacado e, conscientes da necesidade de unir forzas e establecer pontes entre os axentes sociais e económicos de Galicia, puxeron en marcha xunto con Fundamar (Fundación para a pesca e o marisqueo), o proxecto Pasos, unha iniciativa que naceu co obxectivo de desenvolver un plan de acción para promover a investigación e innovación responsable (RRI polas súas siglas en inglés) no ámbito mariño a través de entidades de economía social.

Agora, tras algo máis dun ano de traballo, este martes deuse a coñecer o Plan de Acción plurianual de actividades conxuntas entre o sector da investigación e o sector mariño en base aos principios da Investigación e Innovación Responsable (RRI) e da economía social. O edificio Redeiras acolleu a presentación en sociedade deste documento, que ten como finalidade “aliñar a actividade investigadora da Universidade de Vigo ás necesidades e retos do sector da economía social do mar utilizando os principios da RRI como principios reitores para abordar os desafíos identificados”.

Unha folla de ruta para un sector estratéxico

Mercedes Mareque, profesora do Departamento de Economía financeira e contabilidade, investigadora de Ecobas e responsable do proxecto, explicaba na presentación que o proxecto Pasos xurdiu como unha actividade estratéxica entre dúas entidades de promoción da economía social de Galicia pertencentes á Rede Eusumo relacionadas co sector do mar: a Universidade de Vigo, a través dos centros de investigación CIM e Ecobas e Fundamar. “O proxecto cumpriu as súas expectativas, conseguindo unha gran participación por parte dos diferentes actores sociais aos que se pretendía: entidades de economía social, centros de investigación, administracións, centros tecnolóxicos...”. Este proceso de participación deu como resultado a elaboración deste plan de acción que “pretende ser unha folla de ruta para abordar, dende a investigación e a innovación, as necesidades, as ameazas e os retos detectados durante o proxecto, facéndoo de maneira responsable, coa implicación equilibrada das distintas organizacións que, dunha maneira ou outra, gardan relación co mar”.

No acto de presentación do plan de acción participaron Marta Mª Fernández Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Javier Touza, presidente de Fundamar e Carlos Hervés, director de Ecobas. Touza lembrou que o sector mariño, “ademais de fonte de riqueza e emprego, é un elemento vertebrador” da economía de Galicia, representando o 5% do PIB da comunidade e superando o 10% nalgunhas vilas costeiras. Tanto Touza como a delegada da Xunta quixeron tamén destacar o papel da rede Eusumo, “que ten como finalidade o apoio directo e a consolidación do emprego en base á economía social”. 

Pola súa banda, o director de Ecobas valorou moi positivamente a “simbiose” desenvolvida co CIM neste proxecto unindo “ciencia mariña e economía social”. Neste mesmo sentido, Cristina Quelle, coordinadora do proxecto por parte do CIM, destacou que o proxecto supuxo unha oportunidade única para consolidar unha colaboración máis estreita con entidades do sector mariño, “dispoñendo agora dunha ferramenta que permitirá priorizar os próximos proxectos no ámbito da RRI e a investigación colaborativa do CIM. Este plan, ademais, é transversal e pode ser adoptado por outras entidades da socioeconomía do mar rexionais ou nacionais”. 

O Plan de Acción en tres eixos

As encargadas de presentar e detallar as accións propostas no plan de acción foron a profesora Mareque a María Caldeiro, xerenta e responsable do proxecto pasos en Fundamar. Esta folla de ruta, cuxa finalidade é “aliñar os obxectivos e a actividade investigadora da UVigo e dos distintos centros de investigación cos retos do sector pesqueiro”, artéllase arredor de tres dimensións: a social, a económica e ambiental. 

Na dimensión social establécese a necesidade de crear espazos de diálogo e colaboración efectivos; mellorar o atractivo e a conciencia das oportunidades profesionais na economía azul, fomentar a presenza da muller e facilitar oportunidades de educación e capacitación. Entre as accións concretas que se recollen do plan para abordar estes retos está a creación dun grupo de traballo de maneira estable no eido da economía social do eido mariño, a organización dun foro anual, o fomento de escolas azuis, a valorización da presenza das mulleres na economía azul ou a posta en marcha dun selo de excelencia, entre outras.

No que se refire á dimensión económica establécese a necesidade de promover a dixitalización; fomentar a protección e salvagarda dos recursos e os ecosistemas mariños e mellorar a produtividade a través da innovación. Neste eixo o plan propón accións como a dixitalización da flota e a electrificación buques, o deseño dun programa de ciencia cidadá, un sistema de vixilancia con drones, un estudo sobre a perda de produtividade, un  criadeiro público-privado ou un mapa de puntos negros de contaminación.

Finalmente, na dimensión ambiental considérase optimizar e valorizar os recursos; mellorar o coñecemento sobre as interaccións entre as actividades económicas que conviven no espazo mariño-costeiro e promover a restauración e conservación dos hábitats. A este respecto o plan pon o foco na valorización dos descartes e na reutilización ou reconversión dos materiais de pesca, na planificación espacial mariña, na elaboración de estudos sobre o impacto da eólica mariña, programas de sensibilización ambiental, o saneamento das rías ou a restauración dos bancos marisqueiros. 

Non instrumentalizar a investigación científica

No transcurso do acto, os representantes institucionais tamén se referiron ao veto da UE á pesca de fondo, entre eles Javier Touza, que recalcou que o sector vai “loitar con unllas e dentes para que non se instrumentalice a investigación científica en aras a decisións arbitrarias dos políticos en materia de política pesqueira”. Cualificou de “absolutamente impresentable” o peche de áreas en ecosistemas mariños vulnerables baseándose, apuntaba, “nuns informes do ICES que os científicos din que están desactualizados e que só tiñan como obxectivo estudar o impacto do arrastre no fondo pero non doutras artes de fondo. A delegada da Xunta en Vigo tamén se pronuncio sobre o que cualificou como “un ataque directo de Europa á nosa flota” e sen ningún “estudo que avale esa decisión tan arbitraria que pode ser un golpe mortal para o sector”. Fernández Tapias considera imprescindible “recorrer canto antes esa decisión” e avanzou que a Xunta apoiará “con todos os criterios técnicos e xurídicos para que así sexa” e demandou unha moratoria de dous meses porque “o dano pode ser irreversible para o sector pero non para o medio”.

Mesa de debate co persoal científico e o sector

A xornada completouse cunha mesa de debate na que participaron representantes das entidades relacionadas co ámbito mariño, centros de investigación e administracións, entre eles Fabián Ben Conde, director de Proxectos e Innovación da Federación Nacional de Confraría de Pescadores; María del Carmen Chamorro, armadora e redeira; Elena Herbello, xerenta do GALP Ría de Vigo-A Guarda; Mario Pansera, investigador de Ecobas; Diego Salgueiro, investigador do CIM e Antonio Sartal, investigador de Ecobas. A vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, Maribel Doval, e a directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez Carballo, foron as encargadas de clausurar a xornada.