DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 15 socios de seis países reuníronse esta fin de semana na cidade italiana

O proxecto rurAllure analiza en Padua as potencialidades das rutas de peregrinación para a recuperación do turismo post-covid

O consorcio está liderado pola Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Arte
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 31/01/2022

Investigadores, universidades e institucións de toda Europa reuníronse esta pasada fin de semana na cidade italiana de Padua para analizar como as rutas de peregrinación europeas poden axudar na recuperación do turismo post-covid. Esta cita constitúe a terceira xuntanza xeral do proxecto rurAllure, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo que conta con 3 millóns de euros de orzamento no marco do programa Horizonte 2020 para divulgar e poñer en valor o patrimonio rural que rodea as grandes vías e itinerarios de peregrinación de Europa.

Na reunión participaron os quince socios do proxecto, que inclúe grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, de seis países (España, Italia, Portugal, Noruega, Hungría e Eslovaquia). O obxectivo común é poñer en valor o patrimonio rural situado preto de itinerarios culturais e rutas de peregrinación. E é que, como explican os investigadores, a pesar da cantidade e diversidade de xente que realiza peregrinacións, o impacto desta actividade queda exclusivamente limitado aos lugares por onde discorren os camiños, polo que moitas veces as contornas rurais que rodean estas vías fican á marxe deste impulso turístico. É por iso que os socios do proxecto rurAllure se marcaron como obxectivo divulgar e dar a coñecer o patrimonio cultural que rodea ás grandes rutas de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren por elas e achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación.

As e os peregrinos, claves na época post-covid

Esta terceira reunión do proxecto celebrouse en formato tanto presencial como en liña organizada pola Università degli Studi di Padova, un dos quince socios de rurAllure. Nela abordaron o progreso do primeiro ano de traballo do proxecto e puxeron o foco no papel das e dos peregrinos como un activo importante para o turismo na era post-covid, dado o crecente interese polas actividades ao aire libre e tendo en conta tamén que os arredores das rutas de peregrinación son lugares idóneos para crear novas experiencias culturais e dar un novo valor ao turismo local.

Nesta xuntanza, a UVigo estivo representada por Martín López Nores, investigador do centro atlanTTic e coordinador do proxecto e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia. Ao longo de tres días, os expertos e xornalistas invitados presentaron os avances e as próximas fases de desenvolvemento dos catro proxectos piloto que compoñen a área de investigación de rurAllure: o patrimonio literario do Camiño de Santiago; os lugares termais de orixe etrusco e romano ao longo das tres rutas que conducen a Roma (Via Francigena, Via Romea Germanica e Via Romea Strata); o patrimonio etnográfico da rede escandinava de San Olaf; e a riqueza natural da Ruta Mariana que atravesa Europa do leste e os Balcáns, entre Hungría, Eslovaquia e Transilvania.

Segundo avanzan os investigadores, pasado un ano de que rurAllure iniciase a súa andaina, o proxecto avanza a moi bo paso nestes catro pilotos, creando contidos multimedia que se ofrecerán aos peregrinos antes, durante e despois da viaxe, así como deseñando medios de promoción adecuados ás necesidades de cada rexión. Todo isto acompáñase dunha plataforma tecnolóxica, xa en fase beta, que permitirá aos catro proxectos piloto a xestión de contido, así como aplicacións móbiles centradas en descubrir os recursos da contorna, en facilitar o transporte ás cidades e pobos e o regreso á ruta principal ou en atopar aloxamento ou lugares onde comer. O que se busca, explican, é que os peregrinos decidan tomar un descanso ou un desvío e pasar algún tempo nas vilas ou cidades próximas á ruta. 

En Padua, á beira da Via Romea Strata

A xuntanza celebrouse en Padua, baixo a coordinación da Università degli Studi, socia do proxecto, xa que por esta cidade pasa a Via Romea Strata, unha das tres rutas que levan a Roma e que conforman unha das partes do proxecto para poñelas en relación co patrimonio termal que as rodea. En concreto, a presenza de auga termal que flúe de forma natural preto das Tre Vie Romee é o foco principal da investigación realizada polas universidades de Padua, IUAV Venecia e UAM Madrid xunto coa Asociación Europea de la Vie Francigene e a Fundación Homo Viator. De feito, as e os participantes nesta xutanza puideron coñecer as Terme di Montegrotto, situadas ás aforas de Padua e preto da Via Romea Strata que, cos seus 1400 km, é os sistema de camiños más grande e vivo dunha antiga peregrinación dirixida a Roma, aínda existente na actualidade.