DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado desde o grupo EPhysLab-CIM da Universidade de Vigo e con financiamento estatal

O proxecto Surviwec desenvolverá un software para melorar a supervivencia de dispositivos captadores de enerxía das ondas

Conta coa participación de universidades de Catalunya, Bélxica, Portugal e Italia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 31/05/2023

Membros do Grupo Environmental Physics Laboratory (EPhysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidades de Vigo lideran un proxecto con financiamento estatal e participación internacional chamado Surviwec. Nel desenvolven unha ferramenta numérica, un software, para estudar e mellorar a supervivencia de dispositivos captadores de enerxía das ondas do mar.

O proxecto arrancou en setembro de 2021 e prolongarase ata agosto de 2024, contando con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación no marco da convocatoria Proxectos de I+D+i Retos Investigación e un orzamento de 181.500 euros. Os seus investigadores principais son Alejandro Cabrera Crespo e Maite de Castro, membros de EPhysLab e profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Ademais de membros deste grupo da UVigo participan especialistas da Universitat Politècnica de Catalunya e das universidades de Gante (Bélxica), Aveiro (Portugal) e Salerno (Italia). A iniciativa dá continuidade á liña de investigación que os socios deste proxecto desenvolven desde hai varios anos arredor da simulación de fluídos computacional aplicada a problemas de enxeñaría reais, neste caso no campo das enerxías renovables mariñas.

As enerxías renovables mariñas, indica o equipo de EPhysLab participante, “son cruciais para acadar os compromisos internacionais de loita contra o cambio climático”. Entre elas, a enerxía das ondas, engaden, “é unha fonte de enerxía alternativa que presenta moitas vantaxes: é a enerxía renovable máis potente e constante”. Porén, as e os investigadores da UVigo apuntan que “o deseño de dispositivos de captación de enerxía undimotriz atópase aínda nunha fase temperá de desenvolvemento e é necesario aumentar a eficiencia e reducir os custes desta tecnoloxía, o que lle permitiría un maior recoñecemento industrial como fonte de enerxía alternativa”.

DualSPHysics como punto de partida

O obxectivo principal do proxecto Surviwec é “desenvolver e validar unha ferramenta numérica (usando o código DualSPHysics como punto de partida) que será empregada para estudar a supervivencia de diferentes dispositivos do tipo absorbedor puntual baixo condicións extremas de ondas”. Os dispositivos do tipo absorbedor puntual, indica o grupo investigador, "teñen a vantaxe de aproveitar a enerxía das ondas independientemente da dirección das ondas, xa que poden absorber enerxía de todas as direccións", sendo na actualidade os principais aparellos sobre os que se traballa en investigación tanto pública como privada neste eido. Na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais, o software DualSPHysics, froito da colaboración de EPhysLab e as universidades de Manchester, Gante e Universitat Politècnica de Catalunya, tense convertido nun referente internacional. Trátase dun modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta con violencia en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras ou dispositivos flotantes no mar.

A metodoloxía do proxecto Surviwec baséase en tres pasos: "obter condicións extremas do estado do mar nas nosas costas tanto presentes como futuras; implementar e validar novas funcionalidades no código DualSPHysics e simular dispositivos do tipo absorbedor puntual para levar a cabo un estudo de supervivencia en profundidade baixo as condicións extremas obtidas antes". O equipo da UVigo é o encargado do traballo de desenvolvemento numérico e o da Universitat Politècnica de Catalunya dos experimentos no tanque de ondas chamado CIEM, incluído na lista de Infraestruturas Científicas y Técnicas Singulares que, co soporte do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, están dispoñibles para usar neste tipo de proxectos.

A aplicación da ferramenta numérica que se desenvolva centrarase en diversas configuracións para ter en conta as diferentes técnicas construtivas e características críticas dos dispositivos captadores de enerxía, tal e como se están empregando nos prototipos existentes que se estudan actualmente en diferentes centros internacionais. Utilizando a nova versión de DualSPHysics que proporcione o proxecto, o obxectivo, indican desde Surviwec, é asistir aos deseñadores e deseñadoras nos estudos de supervivencia baixo estados extremos do mar (presentes e futuros). O éxito do proceso presentado, subliñan, “podería levar a actualizar e mellorar as directrices actuais para o deseño de dispositivos do tipo absorbedor puntual”.

A ferramenta numérica resultante será liberada á comunidade de maneira gratuíta e aberta, como vén sendo habitual en DualSPHysics, incluíndo unha interface amigable que facilite o seu manexo ás persoas e entidades usuarias finais, como poden ser persoal investigador, empresas do campo das enerxías mariñas e administracións. Igualmente, a base completa de datos experimentais empregada na fase de validación do código porase ao servizo da comunidade científica para o seu uso público.