Financiado polo programa Horizonte 2020, JUST2CE reuniu 14 socios de nove países
Un proxecto sobre a transición á economía circular, seleccionado pola Comisión Europea como caso de éxito
Coordinado polo investigador da UVigo Mario Pansera e a Universitat Autónoma de Barcelona
Liderado polo coordinador do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera, e coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona (UAB), o proxecto europeo Just2ce tivo como obxectivo analizar que factores poderían contribuír ou obstaculizar a transición cara unha economía circular socialmente xusta. Financiado con preto de 3,6 millóns de euros polo programa comunitario Horizonte 2020, contou coa participación de 14 universidades, centros de investigación e organizacións non gobernamentais de nove países de Europa e África e foi seleccionado pola Comisión Europea como caso de éxito.
Completado a finais de 2024, a Dirección Xeral de Investigación e Innovación incorporaba nas últimas semanas este proxecto ao apartado de ‘historias de éxito’ da súa web, sendo o terceiro proxecto H2020 con participación da UVigo incluído nesta relación. “Para nós é un recoñecemento importante”, sinala Pansera, que destaca o valor de que un proxecto centrado “nunha transición xusta á economía circular teña un impacto nos discursos” sobre esta cuestión “dentro da Unión Europea”. Ao mesmo tempo, o responsable do Post-Growth Innovation Lab destaca o positivo desta elección á hora de situar “no mapa, a nivel europeo”, este grupo de investigación, como unha “referencia” en materia de economía circular.
Un “discurso diferente” arredor da economía circular
Nese senso, Pansera lembra que Just2ce, desenvolvido entre 2020 e 2024, buscou “sentar as bases dun discurso diferente”, de tal xeito que un dos seus principais resultados, subliña, foi un marco teórico que “comeza a falar de traballo, xénero e xustiza medio ambiental” na análise do paradigma da economía circular. Ao mesmo tempo, este proxecto europeo deu tamén como resultado unha “ferramenta aberta para a análise de cadeas de valor global”, que posibilita á cidadanía “facer unha análise dos recursos e actividades económicas”. Trátase do Supply Chain Explorer, que permite obter información da fabricación dos bens de consumo e da procedencia das materias primas, conectando os datos macroeconómicos con outros relativos a cuestións de xénero, condicións laborais, xustiza social ou conflitos ambientais. Do mesmo xeito, destaca, este proxecto contribuíu tamén ao desenvolvemento de “modelos macroeconómicos dinámicos, non baseados no equilibrio xeral”.
Outro dos resultados do proxecto foi o conxunto de recomendacións para o desenvolvemento de políticas transformadoras neste eido, reunidas no libro electrónico Circular Economy for Social Transformation: Multiple Paths to Achieve Circularity. Así mesmo, realizouse tamén un documental que presenta algúns dos casos de estudo analizados en Europa e África e as investigacións desenvolvidas ao abeiro de Just2ce deron lugar a 26 publicacións en revistas científicas.
Xunto á UVigo e la UAB, o proxecto contou coa participación das universidades de Sheffield, Federico II de Nápoles, Leeds, Coimbra, Cape Town e a Mekelle University de Etopía, coa Agència de Residus de Catalunya, o Scientific and Industrial Research and Development Centre de Cimbabue e as organizacións Kumasi Hive e African Circular Economy Network.