DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está realizada polo profesor do Grao de Enxeñaría Aeroespacial Diego Carou

Unha publicación aborda a aplicación da industria 4.0 no sector aeronáutico

Tamén se achega ao impacto da crise da covid-19 neste sector

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 26/04/2021

Fabricación aditiva, big data, computación na nube, internet das cousas, robots autónomos e colaborativos, xemelgos dixitais... estas son algunhas das tecnoloxías habilitantes froito da industria 4.0, a cuarta revolución industrial. Co obxectivo de ofrecer unha visión de conxunto do seu avance no sector aeroespacial que poida “servir de referencia e inspiración”, preséntase o libro Aerospace and digitalization. A transformation through key industry 4.0 technologies, asinado por Diego Carou, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

A publicación, da editorial Springer, enmárcase na liña de traballo deste investigador do grupo Rede en procesos de fabricación, fabricación sostible e máis recentemente en temas relativos á industria 4.0 e á dixitalización. Así, o libro profunda en temas abordados polo autor na publicación de 2020 Enabling technologies for the successful deployment of Industry 4.0,  da que é co-autor. Sobre a temática abordada nesta ocasión, Diego Carou destaca que “o sector aeroespacial caracterízase por ser un dos máis innovadores, empregando elevadas porcentaxes de orzamento en investigación, desenvolvemento e innovación”. Tanto no sector aeronáutico coma no astronáutico, engade, existe xa unha gran cantidade de experiencias no eido da aplicación das tecnoloxías habilitantes a pesar do seu carácter novidoso. “As empresas líderes do sector, como Airbus, Boeing ou Rolls Royce; axencias espaciais coma a ESA e NASA e tamén un importante conxunto de institucións de investigación están ideando e implantando moitas aplicacións destas tecnoloxías”, afirma. Porén, este investigador indica como a información sobre este tipo de iniciativas atópase diseminada en artigos científicos, libros, páxinas web, etc... motivo polo cal xorde esta publicación que pretende ofrecer unha visión de conxunto delas.

Exemplos diversos

Tras unha primeira presentación do sector aeroespacial, o libro céntrase na abordaxe do contexto da industria 4.0 e as tecnoloxías habilitantes, destacando algunhas aplicacións no ámbito académico e industrial. “A selección de exemplos obriga á omisión de moitos outros exemplos existentes, mais permite xerar unha base de coñecemento que permite profundar no tema con posterioridade”, comenta Diego Carou. Entre os exemplos incluídos na publicación, o seu autor apunta casos como o emprego da fabricación aditiva non só co obxecto da fabricación de prototipos, senón para a fabricación de pezas funcionais por parte de empresas coma Airbus, GKN Aerospace ou Honeywell Aerospace. Tamén destaca a aparición de innovacións en fabricación aditiva coma é a impresión 4D. “A realidade aumentada e virtual ten un bo conxunto de aplicacións como a formación ou o mantemento. Rolls Royce, por exemplo, emprega estas tecnoloxías en procesos de formación sobre os seus motores”, sinala o investigador.

No referente á big data e á intelixencia artificial coméntanse na publicación exemplos de Skywise (Airbus) ou Boeing AnalytX “para entender como a dixitalización colle corpo xerando importantes novos modelos de negocio para empresas que o lector xeralmente asocia exclusivamente á fabricación de avións”. Polo que respecta aos robots, no libro sinálase o interese das novas aplicacións que se están a producir neste campo no espazo, como as desenvolvidas pola NASA. Outros exemplos incluídos refírense ao emprego da sensorización, internet das cousas e analítica de datos para mellorar o mantemento dun conxunto de Hercules C-130 ou o uso de xemelgos dixitais en proxectos de Airbus, Boeing e GE Aviation, entre outros casos.

O impacto da covid-19

A publicación Aerospace and digitalization. A transformation through key industry 4.0 technologies tamén aborda o impacto da actual pandemia xerada pola covid-19 no sector. “A crise tivo efectos inmediatos debido ás medidas de protección decretadas polos gobernos, fundamentalmente, no referente aos peches de fronteiras e aos confinamentos. Isto tivo un impacto elevado no tráfico aéreo que afecta non só aos transportistas senón tamén aos fabricantes”, comenta Diego Carou. Así, detalla, aínda que a situación comeza a mellorar, os niveis pre-covid non se agardan retomar ata dentro duns anos. “Este feito obriga ás empresas a repensar as súas estratexias, nomeadamente no referente á adopción de prácticas e tecnoloxías da industria 4.0. Moitas tentarán avanzar na senda da transformación dixital co obxectivo de aumentar a súa competitividade, mais outras reducirán os seus investimentos ou demorarán a adopción destas tecnoloxías”, afirma o profesor da UVigo. A pesar desta incerteza “non só neste sector, senón en toda a economía”, nas conclusións do libro destácase a importancia da industria 4.0 no eido aeroespacial, pondo de relevo a diversidade de campos de aplicación das tecnoloxías habilitantes nel.