Realizada polo catedrático da UVigo Iván Area
Unha publicación compara as probas de matemáticas de acceso á universidade de 26 países
Nela apúntase que a maioría dos exames europeos sitúanse arredor da PAU de Galicia
Que se lle pide en matemáticas a quen quere entrar na universidade en Xapón, Francia, Irán, Marrocos ou Arxentina? Existe algunha relación entre os resultados dun país no informe de avaliación de rendemento académico PISA e a dificultade das súas probas de acceso? Estas preguntas son o punto de partida de Matemáticas para entrar na universidade, un libro realizado por Iván Area Carracedo, catedrático de Matemática Aplicada na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.
A obra recolle, traducidos ao galego, exames de matemáticas das probas de acceso á universidade de 26 países (de Europa, Asia, África e América) e tamén os de Andalucía e Catalunya. Os países ordénanse segundo a súa puntuación en matemáticas no informe PISA 2025, publicado en setembro de 2026. “Escolleuse sempre a proba máis próxima á materia de Matemáticas II, e de cada país o libro ofrece unha ficha co contexto do sistema de acceso, o exame completo traducido, a ligazón ao orixinal e a resolución de todos os exercicios”, detalla Iván Area.
Do gaokao chinés e o suneung coreano
O libro, que se pode descargar de balde en Internet, tamén estima a dificultade relativa de cada proba, tomando como referencia a PAU de Galicia. “As máis esixentes son o exame de ciencias da Universidade de Tokio, o gaokao chinés e o suneung coreano. A maioría das probas europeas sitúanse arredor da PAU galega, aínda que con temarios a miúdo máis amplos e exercicios máis guiados”, comenta o catedrático da UVigo. O exame catalán de 2026, que xerou polémica entre o alumnado, engade, “queda lixeiramente por riba do galego, e o andaluz, ao mesmo nivel”.
Ante a pregunta de se hai correlación entre esta dificultade e os resultados no informe PISA, o autor sinala que “moderada, e só nos extremos”. Así, detalla, “os sistemas con mellores resultados en PISA tenden a ter probas máis difíciles, pero se se retiran os casos extremos a relación practicamente desaparece”. Así apunta que Marrocos é o contraexemplo máis claro: a puntuación PISA máis baixa da mostra e un dos exames máis difíciles. “Non pretendo conxecturar, senón poñer os datos á vista para quen queira mirar e pensar por si mesmo”, explica Iván Area. O libro advirte de que a dificultade dunha proba sempre é relativa e depende do contexto do alumnado que a fai. Por último, entre as páxinas da publicación tamén se inclúen os resultados de PISA 2025 de todas as comunidades autónomas, entre eles os de Galicia (466 puntos), e os dos distintos países analizados.
Iván Area é catedrático de Matemática Aplicada na Universidade de Vigo e investigador do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae), con máis de 130 artigos publicados en revistas internacionais. Foi secretario xeral do CIMPA, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e director de Avaliación de Profesorado da Aneca, ademais de delegado do Reitor na CiUG ata xuño deste mesmo ano 2026. No blog O Perípato publica reflexións sobre pedagoxía, avaliación, universidade, ciencia e sociedade. A publicación agora lanzada nace dunha colección persoal de exames de “selectividade” que o autor foi reunindo durante anos en congresos e grazas a estudantado doutros países.
