DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A especialista Llerena Perozo imparte un taller sobre os nesgos de xénero na docencia universitaria

“Que nos graos de Informática só un 12,2% do alumnado sexan mulleres é un fracaso social”

A actividade está organizada por profesoras da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/10/2020

Hai moitas cifras no panorama educativo, tanto xeral como universitario, que amosan ás claras a existencia dun teito de cristal e dunha desigualdade real que se perpetúa a pesar dos avances na esfera formal. Estes nesgos de xénero na docencia universitaria permiten analizar a situación e as súas causas, algo que quixeron facer varias docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía a través unhas xornadas. A directora do centro, Elena Alonso e a profesora Teresa Rivas foron as impulsoras dunha proposta de dous días de duración, unha conferencia hoxe martes e un obradoiro o xoves, impartidos por Llerena Perozo, directora de Versátil Servizos Editoriais e especialista en comunicación e xénero.

O obxectivo é identificar o sexismo na docencia universitaria e recoñecer a importancia de incluír a perspectiva de xénero na docencia, nos espazos universitarios e no sistema académico. Esta xornada enmárcase dentro das Axudas da Unidade de Igualdade a actividades docentes con perspectiva de xénero.

Igualdade formal vs. Igualdade real

Llerena Perozo comezou o seu relatorio deixando claro que, a pesar de que España é un pais cunha lexislación moi ampla e un nivel de igualdade formal dos máis altos do mundo, “non podemos caer no engano de que con esta protección formal temos o camiño feito e que o resto quedaría depositado na vontade de cada unha de aproveitar as oportunidade que esta fórmula xurídica nos achega”. Na súa opinión, a realidade é outra, “na vida cotiá, na educación social e afectiva, na maneira na que aprendemos a pensar” mantéñense os roles de xénero. Sostén que os plans de igualdade ou as lexislacións non pode facer nada para “garantir xuridicamente” esa ansiada igualdade real. “A única maneira de que poidamos cambiar a nosa forma de enfocar a realidade é que cambiemos a nosa maneira de pensar, de ler a realidade e a nós mesmas e mesmos”.

E nesa realidade agóchanse os nesgos, neste caso xénero, “a inclinación a xulgar e comportarnos en base a unhas crenzas previas que temos”. Segundo Perozo non percibimos eses nesgos, non somos conscientes deles e resulta moi complexo “facer unha lectura emocional, unha lectura do noso comportamento e de como fomos aprendendo a incluír esa visión machista nunha naturalidade que non recoñecemos, porque os nesgos parten sempre do que non estamos vendo”. Por este motivo, para a especialista a clave está en “identificar o que non vemos”. Por exemplo, explicou que non nos decatamos de que “nos irrita máis nunha nena que nun neno un comportamento dominante, temperamental ou enérxico”. Son estereotipos interiorizados que, segundo a experta, se trasladan despois do privado ao público, da infancia á idade adulta, da casa ao traballo.

Do persoal ao laboral

Mostra de como os arquetipos e os roles xénero aprendidos na esfera privada acaban por filtrarse á pública son algunhas cifras do sistema universitario español. Perozo citou, por exemplo, o feito de que nos graos de Informática só un 12,2% do alumnado son mulleres e, nas enxeñarías a cifra é do 28,4%. “Isto representa en si mesmo un fracaso social, porque seguimos asignando determinados roles e arquetipos a determinadas tarefas”. Remarcou tamén que o 72% do profesorado nas diferentes etapas son mulleres; unha porcentaxe que baixa ao 66% nas universidades. Pero algúns datos son aínda máis significativos: “as mulleres representan o 96,7% do profesorado de Educación Infantil, desenvolvendo “o rol tipicamente feminino, a formación das crianzas”. 

Por outra banda, nas universidades as mulleres, a pesar de ser o 66% do persoal docente, só ocupan o 14% dos cargos directivos. “Aquí é cando comezamos a pensar ata onde chega a esfera privada e ata onde chega ese nesgo que nos coloca nunhas determinadas tarefas e comportamentos segundo o xénero, trasladando o rol dunha esfera á outra”. A este respecto, remarcou que cando as mulleres chegan a espazos exclusivos da masculinidade, “nos atopamos cunhas estruturas e normas de comportamento que non se axustan á nosa educación social e emocional, acaban sendo espazos hostís e incómodos e temos a sensación de estar nunha contorna que non nos corresponde”. Este é, segundo Perozo, “un elemento común ancorado á nosa educación social e emocional”. 

Eliminar o factor xénero non elimina a desigualdade

Pero que se pode facer neste contexto “tan pouco concreto, tan abstracto”? Llerena Perozo explica que un dos principais nesgos de xénero é pensar que eliminado o factor xénero se elimina a fonte de desigualdade, como no caso dos currículos neutros. Pero na súa opinión é preciso facer “todo o contrario”, ter en conta o factor xénero “á hora de valorar, mesurar e mesmo cualificar xa que, se socialmente as mulleres recibimos unha educación non formal que propón ser discretas, non impoñer o noso criterio, non enfadarnos en público.... logo, nun contexto competitivo baseado neses comportamentos estamos nunha desvantaxe clara”. 

Charla taller o vindeiro día 29

A xornada deste martes complétase cun taller que terá lugar este xoves 29 tamén da man de Llerena Perozo, destinado a persoal docente da Universidade de Vigo, con preferencia para o profesorado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Esta actividade centrarase en identificar o sexismo na docencia universitaria, fundamentalmente nas propias profesoras.