Este luns arranca a quincena gratuíta para acceder de balde ás instalacións e actividades
Queres ser unha persoa activa e deportista? Entón, queres seu mUVer
Tamén se poden adquirir xa os abonos para o cuadrimestre ou o curso completo
Todas as vantaxes nun só abono: actividades dirixidas, acceso de balde ás instalacións deportivas, descontos especiais, seguimento antropométrico e plan de adestramento personalizado. Isto é o que ofrece o Abono mUVer, unha iniciativa da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo que trata de concentrar moitas das propostas de actividade física e deportiva que ofrecen os tres campus para que ninguén teña escusas para non levar unha vida activa.
Quincena de balde
Para quen non coñeza as instalacións, actividades e modalidades que ten para elixir, especialmente o alumnado de novo ingreso, cada inicio de curso ponse en marcha a quincena gratuíta mUVer. Entre este luns 14 e o vindeiro 27 deste mes, todos os membros da comunidade universitaria poden acceder de balde tanto aos ximnasios e outras instalacións, como ás actividades dirixidas, incluíndo salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo e tenis, etc. durante todo o seu horario de apertura. A isto hai que sumar a participación de balde en todas as actividades dirixidas de fitness que se organizan nos tres campus.
Vantaxes de ser mUVer
Unha vez rematado este período de balde, as persoas interesadas en continuar con estas rutinas poden adquirir o abono mUVer, unha suscripción que inclúe acceso gratuíto ás instalacións deportivas dos tres campus: salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo en Vigo e Ourense, pistas de tenis en Vigo e Ourense, muro de escalada en Vigo e aluguer de bicicletas BTT no campus de Vigo. Ademais tamén comprende o accceso de balde ás actividades dirixidas de fitness en cada un dos campos. No caso de Pontevedra estas actividades comprenden baloncesto, bádminton, HIIT - adestramento interválico, pickleball, pilates e voleibol; no campus de Ourense adestramento funcional, calistenia, ciclo indoor, ioga, multideporte, filates fusión e volveibol e, en Vigo, adestramento funcional, Core, cross training (HIIT), Jiu Jitsu, ioga, pilates fusión e voleibol.
O abono inclúe tamén o seguemento técnico e médico-deportivo dos programas de adestramento e a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo así como un desconto do 20 % para os membros da comunidade universitaria en escolas deportivas, servizos de saúde e actividades puntuais no medio natural.
Prezos do abono
O abono mUVer xa se pode adquirir e para a comunidade universitaria da UVigo os prezos varían entre os 16,95 euros para o opción mensual e de verán; 45,20 euros para quen elixa unha subscrición cuadrimestral e 79,11 euros para o curso completo. Estes son os mesmos prezos para outros dous colectivos: a Familia UVigo e a comunidade alumni.
Para outros colectivos vencellados á UVigo, os prezos están entre os 25,43 euros para abono mensual e de verán; 67,80 euros para o cuadrimestre e 118,65 para o curso completo. Finalmente, para o público en xeral estes prezos van entre os 33,91 euros para un mes ou verán, 113,01 euros para cada cuadrimestre e 203,41 para o curso ao completo.
