DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Divididos nunha ducia de categorías, volverán repartir 7500 euros entre as persoas gañadoras

A quinta edición dos premios Youtubeiras chega cargada de magnetismo

Poderán enviarse propostas ata o vindeiro 22 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI 15/09/2021

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, presentaron este mércores a súa quinta edición, organizada baixo o lema Magnetismo en liña. Foi nun acto celebrado en Santiago de Compostela e no que se destacou a necesidade de impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa. “Dende a primeira edición destes premios, aló por 2017, ata o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”, sinalou Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras, quen anunciou ante os medios os detalles desta quinta edición na compaña de Rubén Prol, concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, e de Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames.

Pereiro púxolle cifras ao grande incremento de participantes nestes anos ao sinalar que “en 2017 concorreron 202 vídeos”, mentres que na convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu ata os 536”. Nesta nova convocatoria tense a vontade de superar a marca, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a dous meses, establecéndose  o 22 de outubro como data límite para o envío de propostas. 

Por primeira vez non se poden presentar vídeos illados

Co obxectivo de fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento, este ano non se poderán presentar vídeos illados como en anteriores edicións. Esa é a gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras que, por segunda edición consecutiva, se dividirán en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de 14 anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.  

Novas actividades formativas especializadas

Baixo o lema Magnetismo en liña, “o que se pretende é incidir na atracción en canto á consolidación da figura de youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro exerce xa na sociedade”, explicou Carme Pereiro antes de centrarse noutro dos piares da edición deste 2021: a formación.  En relación a este aspecto a responsable do proxecto adiantou que nos vindeiros meses se ofrecerán novas formacións, actividades que lle darán continuidade ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Neste sentido, explicou que este mes Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e, xa en outubro, Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, será a encargada de desenvolver os aspectos legais do Youtube. 

Fernando Ramallo e Esther Estévez, entre os membros do xurado

Durante a presentación desta mañá anunciouse tamén a constitución do xurado que decidirá quen gaña  en todas as categorías, agás no caso do Premio do Público. Nesta ocasión o tribunal estará composto polo sociolingüista Fernando Ramallo, responsable da ANL da UVigo; o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia.