DUVI

Diario da Universidade de Vigo

radon

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 14/05/2025

A Universidade de Vigo continúa adiante coas accións que iniciou no ano 2017 para avaliar a concentración de radon nas súas instalacións, co obxectivo de protexer a saúde dos e das integrantes da comunidade universitaria contra os riscos derivados da exposición ao gas radioactivo. Desde a entrada en vigor do Real Decreto 1029/2022 de 20 de decembro a UVigo está a desenvolver medicións en centros, oficinas e instalacións dos tres campus de acordo coa devandita regulación. O procedemento inclúe a toma de mostras durante un período de tres meses, cuxos resultados son analizados e avaliados polo Laboratorio de Radon de Galicia, acreditado pola ENAC, Entidad Nacional de Acreditación en España, e que tamén se encarga da elaboración do Mapa de Radon de Galicia.

A partir das medicións realizadas polo Laboratorio de Radon de Galicia durante tres meses, establécese unha media anual, que é o nivel de referencia, que indica a partir de onde se deben adoptar medidas correctivas, como a ventilación dos espazos, abrindo ventás ou portas, ou mediante ventilación forzada, para o que nalgúns casos  cómpre realizar algunha obra menor. O Real Decreto 1029/2022 de 20 de decembro adopta respecto ao radon o nivel europeo de referencia para a concentración en aire media anual de 300 Bq/m3.

Información e seguridade das instalacións

A través de xuntanzas, os e as responsables dos centros e instalacións nos que a comunidade universitaria desenvolve a súa actividade, son informados dos resultados que determinan as medicións, así como da necesidade de adoptar algún tipo de medida correctora, caso de rexistrarse medicións por riba do nivel de referencia. Unha vez acordadas e adoptadas as accións correctoras, realízase unha reavaliación para confirmar a eficacia das medidas.

As avaliacións realizadas ao longo destes anos confirmaron a seguridade dos centros, oficinas e instalacións da UVigo para o PDI, PTXAS e alumnado que desenvolve a súa actividade neles. Naqueles espazos nos que se rexistraron niveis de referencia que así o determinaron, adoptáronse as medidas correctivas necesarias que demostraron ser eficaces para garantir a saúde da comunidade universitaria.