O centro homenaxea cun mural a Manuela Barreiro, Antonia Ferrín e Tarsy Carballas
O recuncho de Manuela, Antonia e Tarsy na Facultade de Química
A obra de Abi del Castillo recoñece o labor das científicas galegas
Aos seus 91 anos Tarsy Carballas é unha pioneira nos estudos de degradación do solo e unha experta en prevención de incendios forestais. Manuela Barreiro, que viviu entre os anos 1887 e 1953, foi a primeira muller galega en cursar bacharelato e en licenciarse en Galicia, así como a primeira en rexentar unha farmacia. E Antonia Ferrín (1914-2009) foi astrónoma, ademais da primeira profesora de matemáticas na universidade galega. Tres mulleres que abriron camiño a moitas outras que viñeron detrás e que desde hoxe, a través das ilustracións de Abi Castillo, comparten un espazo na Facultade de Química da campus de Vigo.
“Queremos destacar o labor de científicas galegas, pouco coñecidas malia ter feito importantes achegas”, explica Ángeles Peña, decana da Facultade, que explica que o proceso de selección foi complicado, polo que pediu consello ao resto do equipo decanal “e a dúas profesoras e investigadoras tamén comprometidas coa divulgación, Rosana Álvarez e Isabel Pastoriza. Tamén contamos co apoio da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que nos axudou a levar a cabo o proxecto, pois encaixa cos valores de igualdade, innovación e compromiso con Galicia que ten a UVigo”.
O mural, que ocupa parte dunha parede da 2º planta da Facultade, mudou un recuncho sen uso “nun lugar de encontro e interacción social e pareceunos unha boa idea que estivera decorado cun mural de tres mulleres científicas galegas”, detalla Peña. Este mediodía o espazo foi oficialmente inaugurado nun acto, que contou coa participación das docentes e investigadoras da UVigo, Ana Ulla e Emilia García, que introduciron as figuras de Antonia Ferrín e Manuela Barreiro, respectivamente, mentres que a investigadora do CSIC Montserrat Díaz, fixo o propio con Tarsy Carballas. A inauguración, que foi conducida pola vicerreitora Susana Reboreda, rematou cun café-debate titulado Pero, segue sendo necesario?, moderado pola decana do centro e no que participaron os estudantes de doutoramento Antía Álvarez e Andrés Serrano e a xestora no CINBIO Noa Caramés.
Ilustracións auténticas tamén para seguir inspirando vocacións
A elección de Abi Castillo para realizar o mural, cuxa inauguracion insírese na programación cultural organizada co gallo da celebración de San Alberte, foi algo que o equipo directivo do centro tivo claro logo de ver a súas ilustracións no libro Pioneiras 2. “As súas ilustracións parécenme moi auténticas e cunha luz especial e tamén é unha persoa comprometida coa igualdade. E esperamos seguir colaborando porque temos moitas ideas para unir arte e química”, avanza Ángeles Peña.
Sobre a necesidade de seguir desenvolvendo acción para fomentar a igualdade e espertar vocacións nos ámbitos científico e tecnolóxico, a decana da Facultade de Química da UVigo considera que “nas carreiras científicas non temos problemas no momento de entrada na titulación. Pero atopamos diferenzas en momentos máis avanzados da carreira profesional”. En relación co ámbito tecnolóxico sinala que “sabemos que a situación non mellora e varias profesoras do centro participamos en propostas como Inspira STEAM ou charlas no Día da muller e a nena na ciencia”, detalla.
