DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca do campus pon en valor parte dos seus fondos sobre esta temática

Un recuncho para ver libros sobre igualdade

Co gallo da celebración este mércores do Día Internacional da Muller

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 08/03/2023

Co obxectivo de valorizar os seus fondos e de fomentar a lectura, periodicamente a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense habilita recunchos nos que pon a disposición das e dos seus usuarios libros e outros recursos arredor dunha temática concreta. Coincidindo coa celebración este 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o centro dispuxo unha pequena mostra na súa entrada na que amosa diferentes publicacións relacionadas coa igualdade e a desigualdade de xénero, dedicando especial atención á historia e ás correntes do movemento feminista.

A selección de fondos, realizada polas técnicas da biblioteca, é moi diversa en autorías, xéneros e enfoques, abranguendo títulos como El lunes nos querrán, de Najat El Hachmi; No es lugar para mujeres, de Wendy Moore; Quemar el miedo, de Lastesis Colectivo; Eu son Exeria, de Marisa Vidal; Lectura fácil, de Cristina Morales; Senlleiras, de Antía Yáñez; Malas mujeres, de María Hesse; Manual para incendiar el paraíso, de María Murnau; Feminismo en cen palabras, de Luca Chao, ou Insumisas, de Laura Manzanera. Os exemplares están a disposición das persoas usuarias do centro para a súa consulta en sala ou préstamo. A mostra rematará o 16 de marzo.