DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documental ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’ presesentou este venres en Lugo

A rede Aqua-Cibus participa nunha nova iniciativa para pór en valor a I+D+i na acuicultura

O profesor Jesús Simal fai fincapé na necesidade de producir máis alimentos consumindo menos recurso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
D.Besadío DUVI 05/03/2021

Pór en valor a promoción da acuicultura e da I+D+i  neste campo, salientando as múltiples singularidades e potencialidades de Galicia neste sector. Esta é a idea básica do documental Cultivando na auga: tradición e innovación, unha peza audivisual que se estreou este venres e que xurdiu produto da colaboración entre as redes Inmunogenom, que financia a Xunta de Galicia e coordina o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Paulino Martínez Portela, e a rede iberoamericana Aqua-Cibus que financia o Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo Cyted e que coordina o catedrático da UVigo Jesús Simal Gándara.

Este vídeo monográfico sobre o sector acuícola de Galicia presentouse este venres no auditorio da Casa do Saber de Lugo nun acto que puido seguirse en liña a través da canle de YouTube da USC, e no que participaron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o catedrático da USC Paulino Martínez. A peza, de carácter totalmente inédito, afonda na realidade de Galicia como país de dous mares, reflectindo de xeito claro a diversidade de augas salgadas e doces favorecidas por unha costa galaica recortada en diversas rías de clima atlántico. “É necesario producir máis recursos alimentarios consumindo menos recursos de auga, enerxía, solo… e a acuicultura é un sistema que ten gran potencial para abastecer de alimentos a toda a poboación”, explica no vídeo Jesús Simal.

“Esta cooperación entre as dúas redes permitiunos desenvolver conxuntamente moitas actividades de divulgación e formación, por exemplo, ciclos de xornadas, congresos, encontros no sector... ademais de publicacións conxuntas, algunhas delas en formato vídeo, como é este caso”, explica Simal, facendo fincapé en que se trata dunha “bonita e enriquecedora” fórmula para multiplicar recursos humanos, materiais e económicos e así chegar máis lonxe nos seus respectivos propósitos cun programa de accións conxuntas. “Esta mesma estratexia sería moi útil para desenvolver un centro interuniversitario de alimentos que, á súa vez, puidese ser xerme dun futuro centro ibérico de alimentos con institucións do norte de Portugal”, explica o catedrático do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo.

“As tendencias de desenvolvemento están a enfocarse á acuicultura mariña, pero tamén de auga doce”

A rede Aqua-Cibus busca promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sostible en Iberoamérica e para logralo conta coa implicación de grupos de investigación e empresas de España, Portugal, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, México e Perú.  “Na actualidade, as tendencias de desenvolvemento están a enfocarse á acuicultura mariña, máis tamén ao crecemento da acuicultura de auga doce, e a mellorar os sistemas de sanidade así coma á inserción do enfoque eco-sistémico na acuicultura”, apunta o coordinador da rede. Desde o seu punto de vista, a importancia de contar cun grupo de traballo destas características radica na necesidade de adquirir coñecementos básicos sobre as especies locais, adaptar tecnoloxías foráneas ás condicións particulares dos países de Ibero América, fortalecer a competitividade dos produtores acuícolas nesta rexión e mellorar a produtividade dos cultivos. “O gran desafío é articular as competencias e necesidades dos grupos e empresas para xerar ao cabo dos catro anos de duración do proxecto unha entidade sólida que perdure no tempo unha vez finalizado o financiamento por parte de CYTED”, recalca Simal, ao que engade que para a Universidade de Vigo, esta rede ten un valor especial xa que implica aos seus proxectos de especialización institucionais Campus do Mar e Campus da Auga, “non en van Aqua-Cibus utiliza dúas palabras latinas como símbolo dos alimentos da auga, tanto doce como salgada.