DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu último documento de análise da situación económica-financeira municipal

A Rede Localis sinala que as mancomunidades intermunicipais galegas suspenden en materia de transparencia financeira

A análise foi elaborado polo profesor da UVigo Alberto Vaquero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 22/07/2022

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que "as mancomunidades intermunicipais galegas suspenden en materia de transparencia financeira".

Segundo indican en nota de prensa desde esta rede, o documento corresponde á nota número 20 do observatorio, foi elaborada por Alberto Vaquero, codirector de Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourens e enmárcase dentro das actividades da Cátedra do Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. “As mancomunidades de municipios configúranse nominalmente como instrumentos que poden xestionar mellor os servizos locais. Con todo, en moitas das mancomunidades creadas, a transparencia é unha materia suspensa”, explican desde a entidade. Do mesmo xeito que para o resto das administracións locais, engaden, “é necesario esixir responsabilidades no funcionamento das mancomunidades intermunicipais en Galicia”. Esta necesidade, subliñan, “faise moito máis patente se se ten en conta as importantes achegas que realiza a Xunta de Galicia a este tipo de entidades para que poidan prestar os seus servizos”.

Cumprimento co Consello de Contas de Galicia

A análise feita recolle que “só o 47,1% das mancomunidades en Galicia remitiron ao Consello de Contas de Galicia (CCG) as súas contas en prazo para o exercicio 2019; esta porcentaxe ascende ao 58,8% se se considera a totalidade da remitidas. O 41,2% delas non presentou a súa conta xeral e unha parte significativa das mesmas presenta incumprimentos sistemáticos co máximo órgano fiscalizar de Galicia. Se se considera unicamente as mancomunidades “operativas”, a porcentaxe de cumprimento ascendería ao 66,7%”. Algunhas mancomunidades, recolle o documento lanzado este venres, declaran non ter actividade ou atoparse en proceso de disolución. “Con todo, isto non é razón suficiente para a non rendición das súas contas xerais ao Consello de Contas de Galicia”, sinala Alberto Vaquero. A este respecto, apunta, os artigos 209 e 212 do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais impón a todas as entidades locais a obrigación de formar e render as súas contas ao CCG.

Desde a Rede Localis, indícase en nota de prensa desde a entidade, “compartimos a valoración do Consello de Contas de que a actual regulación que establece a súa esixencia resulta insuficiente. Por tanto, é necesario unha modificación normativa para garantir que todas as entidades locais e especialmente as mancomunidades intermunicipais cumpran co deber de render a conta xeral”. Considerando a información da Oficina Virtual para a Coordinación coas Facendas Locais, detallan, “só figura información económica de gastos e ingresos de 21 mancomunidades para Galicia en 2020. Por tanto, o grao de incumprimento de información económica-financeira das mancomunidades é do 41,6%”.

As transferencias recibidas e grao de dependencia

A partir da información dispoñible nesta oficina virtual do Ministerio de Facenda e Función Pública, a Rede Localis constata “unha forte heteroxeneidade das mancomunidades intermunicipais en Galicia en relación co tipo de transferencias recibidas”. En sete, apunta, as transferencias da Xunta representan máis do 40% do monto total dos recursos por esta vía. Pola contra, en tres son inexistentes e en catro máis están ou son por debaixo do 10%. “O maior peso relativo atópase nas transferencias que se reciben do ámbito local (concellos e deputacións). Precisamente estas últimas non adoitan achegar unha contía importante, sendo nula a contribución en once delas. En consecuencia, son as achegas dos concellos a fonte principal de financiamento destes entes intermunicipais”, recolle o documento de análise.

Con todo, sublíñase desde a Rede Localis, “hai unha elevada porcentaxe de mancomunidades intermunicipais que dependen para o seu funcionamento das transferencias da Xunta de Galicia”. Así, detallan, hai catro mancomunidades cun grao de dependencia financeira allea superior ao 50% dos seus ingresos non financeiros, cinco máis cun nivel de dependencia entre o 41% e o 49% e tres máis entre o 25% e o 40%. “Só dúas en Galicia non dependen de transferencias alleas aos concellos e en tres máis ese grao de dependencia é inferior ao 5%”, afirman.