DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu uso como canle publicitaria centrou a primeira actividade do ciclo ‘Publi&Weminars’

As redes sociais, “presente, pasado e futuro do márketing”

O relatorio correo a cargo do egresado Adrián Aira 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/03/2021

As súas posibilidades á hora de segmentar as mensaxes e facelas chegar a públicos concretos, o grao de aceptación por parte dos usuarios e usuarias e a posibilidade de ser empregadas por múltiples tipos de empresas converteron as redes socias nun dos principais soportes publicitarios. Así o puxo de relevo o titulado en Publicidade e Relacións Públicas e xestor de proxectos na axencia Elogia Adrián Aira na primeira sesión dos Publi&Webinars, un ciclo de conferencias e talleres virtuais dirixido a complementar a formación do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en diferentes aspectos relativos á creación e promoción de produtos multimedia. “O dixital tense converteuse no medio con máis investimentos publicitarios e, dentro destes, as redes sociais xogan un papel fundamental”, salienta Aira, para quen constitúen unha “canle fundamental” na selección de medios publicitarios de calquera marca. “Xa hai tempo que non se pode dicir que as redes sociais son o futuro. As redes sociais son pasado, presente e futuro do márketing”, subliña.   

Organizado polo profesor Xabier Martínez Rolán, coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e as empresas E-goi e Dinahosting, este ciclo aberto ao público arrancou na tarde deste venres pondo o foco nos chamados social ads. “A idea é que o alumnado coñeza os aspectos básicos do PPC (pago por clic) e poida aplicalo á ferramenta Facebook Business Manager”, que lle permitirá traballar nunha “rede publicitaria ampla”, que engloba, entre outras contornas, as redes de Facebook e Instagram, explicou Aira deste primeiro relatorio.

Personalización, relevancia e eficiencia

Aínda que as “posibilidades de hiperpersonalización están sendo autorreguladas polas propias plataformas”, unha das grandes vantaxes a día de hoxe das redes sociais, lembrou o conferenciante, son as posibilidades que ofrecen de “segmentación das mensaxes”, ao que se suma no caso de Facebook un “potente algoritmo” que, como sinala Aira, “aprende automaticamente cal é o público idóneo para o teu produto”. Do mesmo xeito, este egresado apuntou como principais vantaxes destas plataformas a “relevancia, pois os usuarios aceptan e valoran a publicidade ben segmentada en redes sociais”, e a súa eficiencia, xa que non implican unha “barreira de entrada” en termos orzamentarios, facendo posible o seu uso por “anunciantes de calquera tamaño”. 

Profesor no Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, Aira destaca o “orgullo de ter algo para compartir e a fortuna de poder facelo” que lle supón a súa volta como profesional á facultade na que se formou. “Internet medrou grazas a un modelo de compartir información libremente, que é xusto unha das virtudes da universidade”, engade.

Seis talleres e seminarios

Dirixidos a completar os contidos de dúas materias, Produción publicitaria na web e multimedia e Proxectos interactivos en novos medios: web, dos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, respectivamente, os Publi&Webinars esténdense ata o mes de maio. O 9 de abril continúan cun coloquio sobre atención ao cliente en negocios web, a cargo da responsable de formación de Dinahosting, María Xosé Saborido, mentres que o martes 13 o consultor Wajari Velásquez impartirá un relatorio sobre posicionamento en buscadores. O venres 16, os egresados Ana Lage e Anxo Rey falarán da súa experiencia na creación de podcasts e o 27 de abril o consultor Anxo Sánchez abordará a creación dunha tenda online. O ciclo pecharase o 7 de maio co relatorio sobre e-mail márketing do responsable de formación e internacional de E-goi, Daniel Alves.