DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Ángel Alonso é natural de Vigo e estudou Enxeñaría de Telecomunicación no campus

O reitor avalía co novo director do Territorio Norte de Telefónica España os retos do proceso de transformación dixital

Acudiu á xuntanza acompañado da directora da compañía en Galicia e Portugal, Paula Rodríguez Beirán

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Visitas
M. Del Río DUVI 28/04/2021

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reuniuse este mércores co novo director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso e coa nova directora da compañía en Galicia e Portugal, Paula Rodríguez Beirán. Ambos responsables da compañía tecnolóxica son egresados da Universidade de Vigo, en concreto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo desta xuntanza foi manter unha primeira toma de contacto e presentarse dende que foron nomeados a mediados deste mes de abril.

Alonso é natural de Vigo e no seu novo cargo é responsable das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e La Rioja. Ata agora ocupaba o cargo de Director de Administracións Públicas (AAPP) e Grandes Empresas do Territorio Norte. Dentro da compañía ocupou tamén, entre 2002 e 2010, a dirección territorial de Telefónica en Galicia e Asturias. Este último cargo é o que agora ocupa a asturiana Paula Rodríguez Beirán, que acompañou a Alonso nesta visita. 

O novo responsable de Telefónica para o norte de España explicou que nesta primeira cita co reitor vigués o seu obxectivo é debater sobre “os retos que temos tanto no eido universitario como na capacitación dos profesionais” que a sociedade precisa para acompañar “o proceso de transformación dixital”. Neste sentido, Alonso remarcou que dende a compañía están especialmente “preocupados pola falta de profesionais que hai en Galicia e en España e mesmo en Europa para acompañar a transformación da industria e da economía en xeral”. Para abordar este reto, tanto o responsable de Telefónica como o reitor amosáronse abertos a explorar novas vías de colaboración máis aló das que xa unen a ambas institucións dende hai anos, como por exemplo a Cátedra Telefónica. Manuel Reigosa, en nome da Universidade, agradeceulles a visita e destacou a importancia que ten para a UVigo a colaboración público-privada, en especial da man “dunha empresa como Telefónica que é un referente a nivel nacional e internacional”. O reitor expresoulles o seu desexo de “escoitar cousas que nos poidades propoñer para un futuro, que é xa o presente, no que se refire a dixitalización”. 

A Cátedra Telefónica, un espazo para a innovación

A Universidade de Vigo uniuse en 2014 á rede de Cátedras Telefónica co obxectivo de colaborar en eidos como a innovación tecnolóxica, empresarial, industrial e social así como de cara a mellorar o benestar social, a eficiencia, os novos sistemas de xestión, a aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación, a calidade ambiental e o desenvolvemento sostible ambiental e enerxético. Ao seu abeiro organízanse obradoiros, conferencias, cursos, convocatoria de bolsas, premios, etc. e actividades como moita proxección como os hackathons. Ademais, Universidade e Telefónica forman parte do Nodo de Cooperación 5G, ao que se sumou a institución académica en 2019 e colaboran, por exemplo, no recentemente creado Laboratorio en tecnoloxías 5G da Universidade. Por outra banda, a empresa tamén vén prestando o seu apoio a actividades da UVigo como o Foro Tecnolóxico do Emprego ou a preincubadora de negocios Incuvi ao longo dos anos.