Nunha conferencia celebrada este luns no edificio Xurídico-Empresarial
Relacións Internacionais achégase ao estudo de América Latina na China contemporánea
A cargo de Yu Man, da Universidade de Estudos Internacionais de Shanghái
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense acolleu este luns a conferencia Estudos de América Latina na China Contemporánea, organizada por este centro en colaboración coa Facultade de Historia. A relatora foi Yu Man, decana da Facultade de Estudos Europeos e Latinoamericanos da Universidade de Estudos Internacionais de Shanghái (SISU) e directora do Centro Conxunto de Investigación RAE-SISU e do Centro Asociado SISU de CLACSO. A sesión foi presentada por Luis Velasco, profesor da citada Facultade de Relacións Internacionais, que destacou a dilatada traxectoria da relatora, e foi comentada por Wang Chenchen, doutorando da Universidade de Santiago de Compostela e investigador da Pontificia Universidade Católica de Perú.
A convidada comezou amosando a súa satisfacción e agradecemento por participar nesta actividade. Sobre o estudo de América Latina, explicou, en China e España historicamente houbo diferentes perspectivas e lembrou que “nos nosos estudos das relacións internacionais xeralmente a perspectiva é algo decisivo”. Así, detallou, en España sempre se tivo un enfoque que tiña como punto de partida Europa e atravesaba o Océano Atlántico. Porén, no caso do país asiático a relación é China-América Latina, tendo como ponte o Océano Pacífico e sen ter como punto de partida Europa. Porén, subliñou Yu Man antes da súa intervención, na actualidade “estamos nun mundo cada vez máis globalizado e todos estamos no mesmo mapa mundi”. Os vínculos con América Latina, afirmou a relatora, son distintos nos dous países “pero temos propósitos e obxectivos máis ou menos iguais: mellorar o entendemento entre os pobos”. Ao longo da súa conferencia afondou neste enfoque dos estudos latinoamericanos desde a China contemporánea, nas institucións existentes a este respecto, na súa historia e evolución, e en cales son as súas dimensións no século XXI.