DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os centros, escolas e facultades poden enviar a súa solicitude ata este venres 9 de decembro

Remata o prazo para presentar candidaturas á terceira convocatoria do Distintivo de Igualdade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 07/12/2022

Este vindeiro venres día 9 remata o prazo para presentar as candidaturas de escolas, facultades e centros de investigación á terceira edición do Distintivo de Igualdade de Universidade de Vigo. O obxectivo desta convocatoria é seguir estendendo a rede de centros que nos tres campus gozan deste recoñecemento, que actualmente está formada pola FFT, que o obtivo na primeira edición, e o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seleccionadas todas estas na segunda edición.

O Distintivo de Igualdade busca recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. Trátase dun xeito, en palabras de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, “de visibilizar, recoñecer e promocionar todas as accións pola igualdade que se están a desenvolver en todos os centros nunha Universidade coma a nosa, distinguida polo compromiso e a larga traxectoria no desenvolvemento de políticas públicas de igualdade de cara a promoción do incremento da excelencia e calidade académica”. 

O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de 6 anos e os centros que acaden a puntuación esixida para obtelo, recibirán un vinilo para situar nunha visible do edificio, e unha achega de 3000 euros para investilos en novas actividades e políticas de xénero. 

Criterios de selección

Un comité avaliador encargarase de analizar e puntuar as candidaturas presentadas atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos plans de estudo das titulacións e as liñas de investigación e de transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero que forman parte da facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo; a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero; o grao de composición paritaria dos órganos de goberno electos e de libre designación da facultade, escola ou centro; o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna; os programas e políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas promovidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade entre o PDI, o PAS e o alumnado do centro ou calquera outra actividade ou acción innovadoras desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.

As candidaturas que acaden un mínimo de 80 puntos recibirán a distinción que os acreditan como exemplos de centros igualitarios.