DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier Abuín realizou a súa investigación no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sust

A responsabilidade social dos deportistas de alto nivel centra a primeira tese do Campus Crea

O estudo permitiu constatar un “alto descoñecemento” deste concepto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/12/2020

Nacido en 2017 ao abeiro do proxecto de especialización do Campus Crea, o Programa de Doutoramento en Creatividade, Innovación Social e Sustentable busca promover investigacións de carácter interdisciplinar, que vinculen diferentes áreas de análise. Comunicación e deporte foron os dous ámbitos en torno aos que Javier Abuín articulou a súa tese de doutoramento, que na tarde deste mércores defendía de xeito virtual diante do tribunal. A primeira tese saída do doutoramento do Campus Crea analiza as motivacións e a comunicación das accións de responsabilidade social das e os deportistas españois de alto nivel e constata, como explica o seu autor, que a pesares de que a maioría participa en iniciativas de carácter solidario, as e os deportistas de alto nivel “teñen un amplo descoñecemento do que é a responsabilidade social”. 

A investigación comprendeu así mesmo unha análise da comunicación que as e os deportistas realizaban deste tipo de iniciativas a través das redes sociais, na que Abuín Penas puido detectar unha serie de eivas como a falta de interacción, que contribuían a que súas mensaxes non fosen “todo o efectivas que poderían ser”. Os deportistas, sinala, “son admirados por gran parte da sociedade e tomados como modelos ou incluso ídolos”, o que implica que “todas as súas accións teñan un grande impacto e repercusión, tanto nos medios tradicionais como agora nas redes sociais”. Graduado en Publicidade e Relacións Públicas, o investigador desenvolveu a súa tese A responsabilidade social e a súa comunicación nos deportistas de alto nivel baixo a dirección da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mabel Míguel, tendo como codirectora á docente da Facultade Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño.

Accións iniciadas por patrocinadores ou institucións

A través dun cuestionario, que responderon 313 deportistas de alto nivel, Abuín buscou en primeiro termo coñecer as motivacións das e dos deportistas para levar a cabo accións de responsabilidade social, o tipo de accións nas que participaban e como as comunicaban aos seus seguidores e seguidoras. Este estudo permitiulle comprobar como, a pesares de que “a maioría realizan accións solidarias de cando en cando”, as e os deportistas teñen “un amplo descoñecemento do que é a responsabilidade social”, xa que preto do 60% dos enquisados e enquisadas manifestaron que “non coñecen o concepto ou non o saberían explicar”. 

Porén, a maioría amosaron “moito interese en poder axudar en todo o que poidan e en participar máis neste tipo de actividades”. De feito, o 70% das e os participantes considera que “debería involucrarse máis en accións solidarias”. Na maioría dos casos, as iniciativas de responsabilidade social nas que participan “son desenvolvidas por patrocinadores ou colaboradores”, explica Abuín. De feito, os enquisados e enquisadas consideran de xeito maioritario que os patrocinadores e institucións “son as que teñen a forza” para iniciar este tipo de accións.

Así mesmo, o estudo amosou tamén que “un elevado salario” leva aparellado un “maior interese e unha maior actividade social”, xa que a maioría dos deportistas cuns ingresos de máis de 60.000 euros brutos anuais “desenvolven a súas propias accións solidarias, mentres que os deportistas que perciben menos de 10.000 euros anuais case non participan en actividades solidarias”.

Accións que comunican de forma pouco efectiva

Na segunda parte desta investigación, Abuín buscou coñecer como as e os deportistas comunicaban esas accións, a través dunha análise de contidos das mensaxes publicadas en Facebook ao longo do ano 2018 por 29 deportistas recoñecidos co Premio Nacional, entre os que figuraban Rafael Nadal, Garbiñe Muguruza, Andrés Iniesta, Marc Márquez, Carolina Marín ou Pau Gasol. 

Esta análise permitiulle detectar como, a pesares de que no cuestionario existía unha “certa unanimidade” á hora de considerar que “as redes sociais son un espazo ideal para a comunicación de actividades solidarias”, estas só centraban o 5% das publicacións realizadas ao longo dun ano, mentres que o resto abordaban “outros temas relacionados co deporte ou coa vida persoal”. A “pouca frecuencia” destas mensaxes, sumada ao feito de que os “niveis de interacción” por parte das e os deportistas eran “case nulos” e á falta de información “sobre como axudar nas causas que se comunican” provoca, conclúe Abuín, “que as mensaxes sobre responsabilidade social emitidas polos deportistas españois non sexan todo o efectivas que poderían ser”.

Proposta de modelo comunicativo

A raíz dos resultados, Abuín, que desenvolve a súa traxectoria profesional nos ámbitos da comunicación e o márketing dixital, completou o seu estudo cunha proposta de modelo comunicativo. Trátase, explica, dunha “guía con puntos a seguir para desenvolver unha estratexia adecuada para a comunicación de accións solidarias”, entre os que se atoparían o establecemento dun obxectivo, a definición do público e das características da mensaxe ou a elección das canles adecuadas. Esta proposta, explica Abuín, que desenvolveu a súa investigación cunha bolsa predoutoral no grupo Sepcom, de CCSS e da Comunicación, está dirixida a que a comunicación deste tipo de accións “sexa adecuada e positiva tanto para o atleta que comunica como para a organización ou causa solidaria que promove”. 

Un doutoramento definido pola interdisciplinariedade

Con máis de 70 matriculados, o doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable caracterízase por promover investigacións que poñan en relación cando menos dúas das súas seis liñas de investigación, centradas na innovación nos ámbitos da saúde, a sustentabilidade e a comunicación, o deseño, a sustentabilidade dos recursos naturais, a gobernanza e a profesionalización docente. “Na dirección das teses teñen que participar docentes de dúas destas liñas”, explica a profesora Ángeles Cancela, directora dun programa que, deste xeito, promove “unha interdisciplinariedade que che facilita facer unha tese que doutra forma non sería posible levar a cabo”. Con respecto á defensa da primeira tese, Cancela pon o acento en que “para calquera programa de doutoramento, o fin último é que se defendan investigacións, polo que isto indica que o doutoramento está avanzando e conseguindo o seu obxectivo”. Nese senso, a directora do programa destaca que, se trata dun primeiro fito, que se verá sucedido por novas defensas nos vindeiros meses, “con independencia de que gran parte do alumnado son profesionais que non se dedican a tempo completo á investigación”.