DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A X Xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas celébrase os días 22, 23 e 24

Responsables políticos e analistas debaten en Santiago sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico

A cita contará este venres coa participación da ministra de Facenda María Jesús Montero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 23/06/2022

Santiago de Compostela acolle os días 22, 23 e 24 de xuño as X Xornadas Rifde sobre Finanzas Autonómicas, na que participan responsables de finanzas de distintas comunidades autónomas e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, ademais de especialistas do eido académico e do sector. Na cita estase a analizar o estado das finanzas autonómicas e os retos que se presentan neste eido a curto e medio prazo para os gobernos autonómicos.

As xornadas están organizadas pola Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (Rifde) e a Cátedra de Facenda Pública da Universidade de Vigo. O seu obxectivo, indican desde a entidade, “é xerar un espazo de encontro que facilite o intercambio de coñecemento e unha reflexión pausada, condición necesaria para que se poidan producir avances na materia”. Aínda que o tema central destas tres xornadas de traballo é a repartición e xestión dos fondos públicos para o financiamento das comunidades, os enfoques difiren segundo a especialidade e valoración das e dos relatores participantes.

Primeira xornada

A primeira xornada foi inaugurada na tarde do mércores polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e polo director de Rifde, o catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago. Na súa intervención, o presidente da Xunta indicou, segundo indican en nota de prensa desde a entidade organizadora, que se debe chegar a un pacto canto antes para a reforma do modelo de financiamento autonómico e que Galicia aposta por un financiamento que cubra o custo dos servizos á cidadanía. A primeira sesión de traballo contou cunha única mesa de relatoras sobre a reforma fiscal e a capacidade tributaria das autonomías na que participaron Xavier Labandeira, da Universidade de Vigo; Maite Vilalta, da Universitat de Barcelona, e Laura de Pablos e Jorge Onrubia, ambos da Universidad Complutense de Madrid. Maite Villalta centrou a súa intervención na batería de medidas que figuran no Libro Branco sobre a Reforma Tributaria e na necesidade de avanzar cara o reforzo da autonomía tributaria dos gobernos autonómicos. Un enfoque distinto foi o do profesor Xavier Labandeira, que dirixiu o seu relatorio cara a fiscalidade ambiental e as implicacións deste ámbito nas autonomías. Pola súa banda, Jorge Onrubia fixo fincapé na necesidade de que a reforma do sistema tributario español vaia en paralelo á reforma do modelo de financiamento autonómico, mentres que Laura de Pablos indicou que calquera das alternativas, reforma ou supresión de certos tributos, requiren dunha coordinación ou harmonización entre comunidades.

Segunda xornada

Este xoves o encontro contará con catro mesas de debate. A cita abriuse cunha conferencia impartida polo profesor da Universidad Pablo de Olavide Diego Martínez, titulada Escenarios do financiamento autonómico: cando o federalismo fiscal atópase coa política e os cisnes negros, presentada polo economista e profesor Jorge Martínez-Vázquez, da Georgia State University. Seguiulle a intervención da conselleira de Facenda das Illes Balears, Rosario Sánchez, presentada por Cristina García, directora do Instituto de Estudios Fiscales (IEF). Xa pola tarde, a primeira mesa estará dedicada ás regras fiscais europeas, á débeda e aos fondos extraordinarios, asuntos analizados por Javier Pérez, do Banco de España; Carmen López, especialista en finanzas públicas de Analistas Financieros Internacionales (AFI), e o economista do BBVA Research Rafael Domenech. A mesa estará moderada pola profesora da USC Cristina Ares. Pechará a segunda sesión un debate sobre as fórmulas de nivelación na aplicación da repartición dos fondos autonómicos, os conceptos de poboación axustada e as necesidades de gasto. Nela participarán Angel de la Fuente, de Fedea; David Cantarero, da Universidad de Cantabria, e Juan Pérez, do Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas, coa moderación da profesora da USC María Cadaval.

Terceira xornada

Xa o venres, a xornada arrancará cunha conferencia titulada Informe sobre as prácticas orzamentarias das comunidades autónomas, ofrecida por Jordi Baños, do Institut d’Economia de Barcelona, que será presentado por Marta Fernández (E&Y Galicia). Seguiralle unha mesa redonda moderada por Xoaquín Fernández Leiceaga (USC) que contará coa intervención de Miguel Corgos (conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia) e Luis Alberto Marín, o seu homólogo de Murcia. Antes da clausura da cita coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e a presentación de conclusións, María Jesús Montero, ministra de Facenda e Función Pública, ofrecerá unha conferencia de peche da programación.