DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editada polo Departamento de Filoloxía Galega divulga os traballos dos investigadores máis novos

A revista Cumiera fai balance de cinco anos de publicacións sobre o galego

O novo número inclúe estudos sobre o simbolismo en Rosalía, a autotradución en Neira Vilas ou os neo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/03/2021

A revista Cumieira botou a andar en 2016 da man do Departamento de Filoloxía Galega e Latina coa intención de dar a coñecer os traballos académicos dos investigadores máis novos do ámbito da Filoloxía Galega en sentido amplo e aló van cinco anos de publicacións de traballos que, dun ou outro xeito, teñen como eixe central a lingua ou a literatura galega. “Acabamos de publicar o volume 5 e a publicación parece irse consolidando”, explica o profesor Xosé A. Fernández Salgado, quen exerce de editor. “Neste lustro de vida publicáronse 29 traballos doutras tantas autoras e autores, a maior parte deles estudantes no seu día da Universidade de Vigo, xa da Facultade de Filoloxía e Tradución, xa da de Educación do campus de Ourense, ben que nalgún caso proceden tamén da Universidade de Santiago de Compostela e da Complutense de Madrid”, recalca o docente.

Todos os traballos teñen, dun xeito ou doutro, como obxecto de análise e descrición o galego, tanto na súa vertente lingüística (22 artigos) coma literaria (sete artigos). Dentro dos de lingüística, as áreas máis investigadas foron a dialectal, con cinco traballos, e a sociolingüística, con outros cinco; á Sintaxe serían adscribibles dous artigos e na Morfoloxía, no estudo do Léxico, na Historiografía, na Lingüística de corpus, no Ensino de linguas e na Onomástica serían clasificables cadanseu traballo. Nos de temática literaria, abordáronse as traxectorias e obras de Rosalía de Castro, de Álvaro Cunqueiro, de Vicente Risco e de Johán Carballeira, ademais de análises xenéricas sobre as vangardas de primeiros do século XX, sobre a cantiga de amor e de didáctica da literatura.

O novo número inclúe un artigo sobre a tradución ao castelán de Memorias dun neno labrego

O novo número da revista, de máis de 150 páxinas, ábrese co traballo de Manuel Naveiras Fuentes, que, logo de revisar varias interpretacións da obra rosaliana como romántica, posromántica e mesmo premodernista, centra a análise na presenza nela do Simbolismo de ascendencia francesa. Vén a continuación a análise lingüística contrastiva de Nerea Torres Abilleira sobre Memorias de un niño campesino na que identifica, clasifica e comenta as principais modificacións realizadas polo seu autotradutor Xosé Neira Vilas. Pola súa parte, Ana Fernández Berrocal describe no seu estudo o elemento auto-en neoloxismos léxicos extraídos de diversos blogs e xornais en liña galegos, alén de discutir o seu estatuto como prefixo ou formante culto. Séguelle a continuación o traballo de Alejandro Solla Alonso, un estudo descritivo a partir dun corpus da variación dos esquemas sintáctico-semánticos do verbo votar en galego en aspectos como a rexencia prepositiva e de clíticos de acusativo ou de dativo. O volume péchase co artigo de Patricia Cid Blanco sobre a dispoñibilidade léxica de adolescentes da comarca da Terra de Caldelas –Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira- en seis centros de interese, aínda que só os resultados do léxico relacionado coas profesións e oficios reciben unha análise en detalle canto á produción de palabras e lemas combinada con algunhas variables sociolingüísticas.

Nesta ocasión fixeron parte da comisión de revisión científica dos textos os profesores da Universidade de Vigo Anxo Angueira, Antón Palacio, Xosé Soto Andión, Alexandre Rodríguez Guerra e Xosé A. Fernández Salgado, e encargouse da revisión da versión inglesa dos abstracts o profesor Benigno F. Salgado.

Versión dixital de acceso universal

Desde o número inicial, Cumieira tira unha edición en papel, que se envía ás principais bibliotecas galegas (UVigo, USC, UdC, ILG, Fundación Penzol, RAG, Consello da Cultura Galega, CIRP, EMAO e Museo de Pontevedra) e máis ás das facultades de filoloxía das Universidades do Minho, Barcelona, Complutense, Salamanca, Oviedo e León. Ademais, estes volumes poden descargase gratuitamente en PDF na web do departamento. Os artigos publicados nesta revista aparecen referenciados na base de datos DIALNET, en BILEGA, no Catálogo Italiano dei Periodici ACNP (Università di Bologna), en Linguistic Bibliography e Brillonline de BRILL.