DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manel Varcarce ofreceu unha conferencia sobre este tema

Unha revolución tecnolóxica que tamén chega ao mundo do deporte

Contou coa participación do secretario xeral para o Deporte da Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 04/12/2020

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este xoves pola tarde, a través do Campus Remoto da UVigo, unha conferencia sobre Tecnoloxía aplicada á xestión deportiva. Manel Varcarce, CEO de Valgo Investiment Consultoría Deportiva, foi o encargado de analizar como a revolución tecnolóxica dos últimos anos chegou tamén ao mundo do deporte.  

O acto, enmarcado dentro das actividades extracadémicas do campus de Ourense, contou coa participación tamén de Patricio Sánchez, coordinador do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da UVigo, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Na súa intervención inicial, José Ramón Lete fixo fincapé na importancia da formación para o desenvolvemento profesional e tamén persoal de todo individuo. Isto, indicou, abrangue tanto ás cuestións tecnolóxicas como a outro tipo de innovacións ás que o mundo do deporte non se pode manter alleo na súa opinión.  Asemade, destacou a necesidade de iniciativas e programas de formación neste eido, entre os que Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, sinalou, constitúe un referente dentro e fóra de Galicia.  

Desde 2013 ata a pandemia

Durante a súa intervención, Valcarce enumerou os principais fitos da denominada “cuarta revolución industrial” que datan do ano 2013 cando Alemaña estableceu na súa axenda de goberno a estratexia de alta tecnoloxía. Unha revolución tecnolóxica que, sinalou, ten como meta a automatización, a Internet das cousas, a nube e a robótica, e que abarca a todos os ámbitos industriais, científicos ou sociais. O relator apuntou na súa intervención como foi no Foro Económico Mundial de Davos de 2016 onde Klaus Schwab afirmou que este novo cambio de era será a transición cara novos sistemas construídos sobre a infraestrutura dixital e que a velocidade do seu avance non ten precedentes na historia. Na industria deportiva, Manel Varcarce explicou como na súa opinión a transferencia destes conceptos e da cuarta revolución citada xa se están percibindo.

Dende a incorporación da tecnoloxía á sociedade e o acceso a Internet para todas as persoas, o CEO de Valgo Investiment Consultoría Deportiva sinalou como a contorna de desenvolvemento para os produtos e servizos mudou radicalmente. No contexto actual, indicou, interpretar a tecnoloxía como unha ameaza convértese nunha barreira de diferenciación fronte á competencia e a produtos substitutos. A resposta, engadiu o relator, pasa por contemplala como unha oportunidade para chegar a ser unha entidade dixital con todos os beneficios que supón tanto a xestores, adestradores como a clientes. Neste contexto, explicou como a aplicación práctica da revolución dixital nas organizacións deportivas abarca as diferentes áreas do seu desenvolvemento e xestión. Ademais, engadiu, viuse acelerada pola actual situación de crise sanitaria provocada pola covid-19, onde se produciu un cambio de paradigma tanto nos hábitos do consumidor como na propia prestación dos servizos deportivos.