DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este xoves unha homenaxe ao escritor

Ricardo Carbalho Calero, desde o humano, o histórico e o lingüístico

Contou coa participación de María Victoria-Carballo Calero, Jesús de Juana e María do Carmo Henríque

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 26/11/2020

Desde o humano, desde o histórico e desde o lingüístico. Desde estas tres perspectivas foi abordada este xoves a figura de Ricardo Carbalho Calero, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, nun acto celebrado no campus de Ourense. O achegamento “ao professor” foi realizado por tres catedráticos da UVigo, como son María Victoria-Carballo Calero, Jesús de Juana e María do Carmo Henríquez.

A homenaxe levou por título Professor Carvalho Calero antes, agora e sempre. Na súa presentación, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, salientou como é tradición que cada ano o campus homenaxee á persoa elixida para conmemorar o Día das Letras Galegas. A pesar de que a pandemia impediu a celebración de actos en maio, indicou, o campus de Ourense quixo co acto deste xoves que non rematase o ano sen facer unha lembranza a Ricardo Carbalho Calero. Debido ás medidas sanitarias, o acto desenvolveuse coa única asistencia de público permitida dos decanos dos centros implicados no acto, a Facultade de Historia e a Facultade de Educación e Traballo Social. As persoas interesadas puideron seguir o evento en directo a través da UVigo TV.

Tres catedráticos, tres vertentes

María Victoria-Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea e filla do homenaxeado, foi a encargada de achegarase á vertente humana de Carbalho Calero. Sobre o seu pai salientou como “era uha persoa seria, moi seria e que non intentaba disimular esa seriedade. Mais tamén era moi sentimental aínda que, aparentemente, non amosase selo. Familiar cen por cen e traballador ao máximo”. Todo na casa, afirmou, “xiraba a redor del e do seu traballo”, referíndose á etapa na que dirixía o Colexio Fingoy “que é da que teño máis constancia”. “Coa miña nai tiña unha simbiose total. Con nós  falaba pouco do seu traballo e parecíanos o máis normal todo aquel plan de traballo que levaba a cabo. Contribuíamos sen "rechistar". Os libros eran sagrados...”, comentou a catedrática.

Jesús de Juana, catedrático emérito de Historia Contemporánea, abordou pola súa banda a vertente histórica do profesor ferrolán facendo unha “breve aproximación á actividade política de Ricardo Carballo Calero”. Del, Jesús de Juana destacou como “tivo sempre unha ideoloxía de esquerdas e militou, namentres se puido, no que podemos denominar xenericamente como movemento nacionalista galego”. Esta etapa, engadiu Jesús de Juana, “por mor da cronoloxía vital de don Ricardo e os acontecementos que xorden neses tempos, vaise concretar nos anos que van dende 1926 cando vai de estudante de Dereito a Santiago ata o inicio da Guerra Civil no 36”. Segundo comentou o historiador, os integrantes da parte máis esquerdista do galeguismo, onde se atopaban a maior parte dos mozos universitarios, entre eles Carballo Calero, Tobío, Fraguas, Fernández del Riego... “crearon primeiro, a principios do 31, a Esquerda Galeguista que pouco despois, en decembro, participaría na constitución do Partido Galeguista, no que don Ricardo foi nomeado membro do seu Consello Directivo e tivo unha participación moi salientable a partir de entón”.

Por último, María do Carmo Henríquez, catedrática xubilada de Lingua Española e alumna de Carvalho Calero, centrouse na vertente lingüística. O tema nuclear da súa palestra foi, indicou, “demostrar que Carvalho só hai un, visible xa nas décadas de 1920, 1930, 1950 e 1960”. Durante a súa intervención, a relatora falou do principio de "Galiza célula de universalidade”, da tese de que "o galego ou é galego-portugués ou é galego-castelán", lembrou datos da biografía do homenaxeado e recolleu fragmentos da súa obra.