A competición reuniu 92 equipos chegados de toda Galicia
Robots en acción na Escola de Enxeñería IndustriaI con máis de 450 estudantes de ensino medio
A iniciativa consolídase como unha ferramenta para espertar as vocacións tecnolóxicas
452 estudantes de ensino medio de toda Galicia, incluíndo Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional, participaron este venres na Escola de Enxeñería Industrial na 9ª edición da súa Competición de Robots, unha cita xa consolidada coa que o centro busca que mozas e mozos, “lle perdan o medo á tecnoloxía e se divirtan con ela”, tal e como destacou no inicio da xornada o ex-director da escola, Juan Pardo Froján, un dos dos principais impulsores desta iniciativa, quen se amosou moi satisfeito da acollida que ten a competición nos institutos. “A resposta volveu ser moi boa, polo que, pola nosa banda, seguiremos potenciando esta actividade”, subliñou o docente, convencido que se trata dunha “excelente maneira” de que se familiaricen coa tecnoloxía e de fomentar neles a creatividade e a imaxinación en clave tecnolóxica.
Desde a celebración da primeira edición, o venres 24 de abril de 2015, cada ano, sempre coincidindo nun venres, a escola organiza unha nova edición desta particular competición. Nesta ocasión chegaron desde Allariz, A Guarda, A Estrada, Mos, Valga, Salceda de Caselas, Rois, Vigo... 292 rapaces e 159 rapazas divididos en 92 equipos, sendo 4º da ESO o curso que achegou máis participantes -248 estudantes divididos en 48 equipos-, seguido de 1º de bacharelato -106 estudantes en 22 equipos-.
Do segue-liña marchoso ao varrendeiro-cebra
Ao longo de toda a mañá os equipos enfrontáronse ás diferentes roldas de probas. No caso da categoría Be Robot, para alumnado de ESO e Bacharelato, cada robot debía participar en dúas probas, o Sigue-liña ‘marchoso’ -con obstáculos e un lombo- na que o robot ten que ser quen de seguir un camiño marcado no chan do circuíto por unha cinta adhesiva branca de aproximadamente 2 cm de ancho sobre un fondo escuro, e varrendeiro-cebra, na que dentro dun recinto circular (delimitado por unha liña branca sobre fondo negro) de aproximadamente 1 metro de diámetro se dispoñen 4 latas de refresco brancas repartidas de xeito aleatorio e tamén diferentes tiras brancas a modo de paso de cebra. “O robot debe sacar do recinto todas as latas no menor tempo posible permanecendo o robot sempre no interior do recinto e sen pasar por encima das liñas do paso de peóns”, explican desde a organización.
Na categoría DemoRobot, para estudantes de FP e universidade, a competición comprendía catro probas, tres individuais e unha colectiva: Rastrexo (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; Labirinto (individual), sobre un recinto rectangular de aproximadamente 1,50x1,50 metros; Tripla ‘penalti’ con illa (individual) dirixido a sacar todos os obstáculos do recinto entre os paus que lle correspondan e Sumo (colectiva), na que o robot debe intentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.
1º edición do reto Compyrobot
Nesta edición contouse, ademais, co desenvolvemento en paralelo do primeiro reto Compyrobot, en colaboración coa empresa Binarial no que participaron estudantes e docentes dunha decena de centros que tomaron parte na pasada edición e que entre os meses de outubro de 2025 e febreiro de 2026 tiveron que mapear unha ruta de cando menos 20 metros, dentro das instalacións dos seus centros e percorrela do xeito máis eficiente co robot móbil Compy, de Binarial, que deberon programar para acadar o mellor resultado
Premios para os tres primeiros clasificados en cada categoría
Tras as finais, a mediodía entregaranse os premios aos primeiros, segundos e terceiros clasificados nas diferentes categorías (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º BACH e DemoRobot), así como os galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorga en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización). Ademais, nesta ocasión terá tamén lugar a entrega dos recoñecementos aos centros participantes no 1º Reto COMPY Robot, organizado con motivo da conmemoración de X Aniversario na pasada edición.
