DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será entregado nun acto que terá lugar o 1 de abril

O Rotary Club recoñece o campus de Pontevedra como “un dos piares fundamentais da cidade” co premio ‘Servir 2022’

Destaca as súas accións en materia de medio ambiente, cultura e defensa dos valores sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 24/02/2022

Dirixido a pór en valor as entidades, asociacións e empresas cuxo labor redunda en beneficio da cidade, o premio Servir do Rotary Club de Pontevedra será outorgado neste 2022 ao campus de Pontevedra. Así o anunciou este xoves o seu presidente, Carlos Alonso, na rolda de prensa que tivo lugar na sede da Vicerreitoría, na que destacou que o campus “é hoxe por hoxe un dos piares fundamentais da cidade”. Na XXII edición deste galardón, o Rotary Club decidiu “por unanimidade” seleccionar “como entidade galardoada ao campus de Pontevedra e á súa Vicerreitoría”, explicou, polas súas iniciativas a prol da cultura, do medio ambiente, pola súa “defensa dos valores sociais” e pola súa “aposta pola xuventude, a formación e o coñecemento”. A entrega deste galardón terá lugar no acto que esta organización levará a cabo o 1 de abril no Hotel Galicia Palace. 

“Agradecemos o premio emocionados”, recoñeceu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, tras facerse público o fallo deste galardón, nun acto que tamén participaron a secretaria do Rotary Club de Pontevedra, Mariola Ramírez, e o integrante da súa xunta directiva Arturo Ramírez. “É unha noticia importante para esta casa”, engadiu Soto, que sinalou que “non poder haber regalo máis auténtico” que ser recoñecido por un colectivo de persoas “que practican día a día ese humanismo do que moitas veces estamos tan distantes”, sumándose a unha relación de premiados, “que son historia viva” da cidade, como o Pontevedra CF, a SD Teucro, o Museo ou a Denominación de Orixe Rías Baixas.

O coñecemento como motor

“Que o coñecemento sexa o motor catalizador de todas as actividades formativas do campus é o que queremos poñer en valor”, salientou Alonso, que incidiu na súa implicación á hora de “compartir ese coñecemento con diferentes institucións e coa poboación”, contribuíndo a xerar “unha economía circular” en Pontevedra e na súa comarca a través da “formación integral” dos “novos talentos”.

Entre as accións valoradas polo Rotary Club “como fundamentais para ser merecedor deste premio”, Alonso sinalou o proxecto de especialización Campus Crea, que destacou como unha iniciativa “pioneira en España” que está a ser “replicada noutras universidades”; así como o programa Green Campus, “a maior aposta polo medio ambiente e a sostibilidade que pode ter calquera cidade”. O Rotary Club destacou así mesmo as diferentes iniciativas “dirixidas á cidadanía” que promove a Vicerreitoría, “como obradoiros, cursos de extensión e innumerables actividades culturais”. Sinalou tamén a “actividade investigadora, recoñecida no ámbito estatal” que se desenvolve no campus, así como a súa colaboración con diferentes entidades e asociacións, entre as que lembrou a “participación activa” da Vicerreitoría nas iniciativas do propio Rotary Club.

Un campus que xera “economía e riqueza”

“Este premio vén a ser o colofón a catro duros anos de traballo”, recoñeceu Soto, que enumerou na súa intervención algunhas das iniciativas que se levaron a cabo na súa etapa como vicerreitor. Nese senso, salientou a cesión de tres plantas no antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, que se entregarán á Universidade “en dous os tres meses”; a proposta de crear un novo edificio nas parcelas da antiga Tafisa, “que non estaba nin enriba da mesa e agora forma parte do proxecto de cidade”; e que o proxecto do futuro Grao en Deseño se convertese “nunha auténtica realidade para Pontevedra, que entrará a formar parte das poucas cidades de España que teñen esta titulación”. O vicerreitor subliñou tamén a achega ao “ambiente social, cultural e económico” da cidade dun campus que “xera economía e riqueza”, xa que integra unha comunidade de preto de 5000 persoas e uns “gastos diarios” de entre 6000 e 7000 euros que redundan na cidade. 

Soto lembrou tamén os diferentes convenios asinados “cos nosos socios da cidade”, aos que se sumará, adiantou, un “protocolo de colaboración coa Brilat para traballar aspectos que teñen que ver coa igualdade e o desenvolvemento de novas ideas”. O vicerreitor sinalou tamén ás accións realizadas en materia de sostibilidade e aforro enerxético, un eido no que “intentamos ser punteiros”, así como as iniciativas que se levan a cabo no eido cultural, lembrando que en 2019, antes da pandemia, a Casa das Campás acolleu “preto de 250 actos”.