DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xadrecista do EXP-UVigo rematou décimo na competición do grupo europeo

Rubén Fernández queda ás portas da fase final do Campionato do Mundo sub16

Mantivo opcións de clasificarse ata a sétima e última rolda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 11/12/2020

A promesa do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Rubén Fernández non poderá repetir no Campionato do Mundo sub16 o fito que acadara o pasado ano na categoría sub14, cando se converteu no primeiro xadrecista galego en acadar unha medalla nun campionato mundial. Ao longo desta semana desenvolvéronse, de xeito virtual, as fases previas dos Campionatos do Mundo sub10 a sub18, na que o deportista do club universitario, que mantivo opcións ata última ronda, rematou no décimo posto no grupo europeo.

Fernández comezou a competición cunha derrota fronte ao mestre FIDE Stefan Tadic que limitaba en gran medida as súas opcións de rematar entre os tres primeiros do grupo continental e obter así o pase á fase final. Mais, o xadrecista repúxose do traspé inicial e nas seguintes catro roldas foi quen de superar aos todos os seus rivais, entre os que se atopaban algúns dos “a priori favoritos”, como os mestres internacionais Isik Can, de Turquía, o francés Mahel Boyer ou o acerbaixano Ahmad Ahmadzada, como salientan desde o EXP-UVigo. 

Na sexta rolda, Fernández empatou co mestre alemán Gideon Koelner, o que lle permitía manter opcións de clasificarse na derradeira partida, na que unha vitoria diante do tamén xermano Frederik Svane daríalle o pase á loita polas medallas. Rubén Fernández, relatan desde o club pontevedrés, afrontou a partida coa “agresiva defensa siciliana, coa que acadou a unha vantaxe decisiva”, mais dúas “imprecisións” do xogador do EXP-UVigo no treito final sumadas ao “aguante” do xadrecista alemán “levan ao xogo a un equilibrio técnico”. Sabedor de que unhas táboas non lle daban o pase á seguinte rolda, Fernández arriscou nos últimos movementos e acabou caendo derrotado, o que lle levou a pechar a súa participación como décimo clasificado do seu grupo, sendo ademais o mellor deportista español clasificado nas cinco categorías que competiron desta fase previa deste Campionato do Mundo sub10 a sub18.