DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de once pezas doadas por artistas participantes no proxecto expositivo Estado Crítico 3

A Sala Alterarte amosa parte dos seus fondos na Fundación Vicente Risco

A mostra pode visitarse ata o 17 de febreiro nas mañás do sábado e domingo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Ourense 23/01/2019

Desde esta fin de semana a sede da Fundación Vicente Risco, no concello ourensán de Allariz, acolle a exposición Colección Estado Crítico 3, formada por once obras doadas á Sala Alterarte do campus de Ourense polas e polos once artistas que expuxeron nela entre finais de 2015 e primeiros meses de 2018, no marco do proxecto Estado Crítico 3. A mostra pode visitarse de balde ata o 17 de febreiro nas mañás do sábado e domingo, de 12.00 a 14.00 h.

A exposición está comisariada por Xosé Manuel Buxán Bran, director da Sala Alterarte, e amosa obras das e dos creadores Ramón Conde, Melania Freire, Eduardo Outeiro, Paz de la Calzada, Juan Fernando de Laiglesia, Mar Caldas, José Andrés Santiago, María Prada, Mónica Oliveira, Luis San Sebastián e Fernando Casás. Trátase, apunta o responsable da mostra, dun panel de artistas que abrangue diversas  xeracións, desde catedráticos eméritos como Juan Fernando de Laiglesia ata xente nova recentemente graduada en Belas Artes, como Melania Freire. O feito de que Colección Estado Crítico 3 sexa unha mostra colectiva cuxo único nexo de unión entre as pezas é que as e os seus autores expuxeron na sala de arte do campus de Ourense tradúcese tamén en propostas creativas, orixes xeográficas e traxectorias moi diferentes, tal e como se pode ver nas obras expostas na sede da Fundación Vicente Risco.

A mostra foi inaugurada este sábado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte e comisario da exposición; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Alberto Conde, concelleiro de Cultura de Allariz, e Xosé Lois Vázquez Che, responsable de deseño e dirección editorial da publicación. “Despois de ter exposto fondos da Sala Alterarte non só no campus senón tamén no Museo Municipal de Ourense e no Centro Cultural Marcos Valcárcel quixemos levar esta exposición fóra da cidade na procura de novos espazos nos que dar a coñecer tanto o que facemos nesta sala como as obras dos creadores e creadoras que por ela pasan”, comenta Xosé Manuel Buxán. A apertura desta mostra en Allariz coincide coa publicación do catálogo do proxecto Estado Crítico 3. 11curador*s 11artistas, que conta con financiamento da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Nesta publicación pode coñecerse en detalle as pezas amosadas agora en Allariz.