DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do artista Adrián Conde e comisariada por Xosé Manuel Buxán

A Sala Alterarte pecha o curso coa exposición 'Precariedade Spam!'

É a última mostra do proxecto expositivo Estado Crítico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 04/06/2021

Co título Precariedade Spam! este venres inaugurouse a última exposición deste curso académico da Sala Alterarte do campus de Ourense. Con obra do artista Adrián Conde e comisariada por Xosé Manuel Buxán, a exposición quere suscitar unha reflexión converxente sobre a precariedade laboral das novas xeracións e a imaxe de éxito que se “vende” nas redes sociais e na publicidade lixo. A mostra pecha tamén Estado Crítico, o proxecto expositivo que durante os últimos once anos guiou a programación da Sala Alterarte.  

Na inauguración da mostra, Xosé Manuel Buxán salientou como Precariedade Spam! supón “un final de ciclo para a Sala Alterarte”, pois remata Estado Crítico e a súa dirección á fronte desta sala. Foron, lembrou, en total catro edicións de Estado Crítico as desenvolvidas ao longo de once anos, con 45 exposicións de artista, na maioría dos casos artistas emerxentes. Por este motivo, quixo amosar o seu agradecemento aos diferentes vicerreitores e vicerreitoras do Campus de Ourense que ao longo destes anos apoiaron Alterarte e a súa programación. Pola súa banda, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, trasladou a Xosé Manuel Buxán o agradecemento e os parabéns da institución académica polo traballo levado a cabo con Estado Crítico e a Sala Alterarte.  

Imaxe e mensaxe

Como comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán destacou de Precariedade Spam! que é “un proxecto que se sae dos canons (da pintura, a escultura, o debuxo...) para entrar no territorio do deseño gráfico e incluso no do cartel”. Pero tamén subliñou como “este traballo ten un carácter sociopolítico, sociocultural, que é moi importante”, suscitando, indicou, a reflexión arredor do mundo de Internet e da precariedade laboral, especialmente vencellados coa realidade da xuventude. Igualmente, Ana María Torrado, recalcou como as obras de Adrián Conde compoñen “unha exposición valente que nos dá a oportunidade de reflexionar sobre este mundo que nos está inundando” e felicitou ao artista por conseguir transmitir nas pezas expostas aspectos como o baleiro, o falta de sentido, a decadencia ou o desvalemento das persoas ante os temas abordados.

“O que trato aquí é o mundo da precariedade, centrada no que sería os mozos e mozas tendo en conta que a mostra está no contexto universitario. Abordo como en tempos de crise, a través das redes sociais ou da publicidade lixo que recibimos moitas veces nos nosos perfís, na nosa intimidade aberta que son as redes sociais, chéganos anuncios de fórmulas máxicas, de cursos, de como mellorar a situacións... que nos venden unha idea de éxito e fracaso que non se corresponde coa realidade e que se intentan aproveitar da nosa situación”, comenta Adrián Conde. Neste contexto, engade, Precariedade Spam! quere reflexionar sobre este mundo “no que mentres unha gran parte da sociedade contemporánea ten dificultades para saír dunha situación precaria, a publicidade lixo véndenos unha idea de éxito completamente irreal”.

Este enfoque materializase na mostra en dous tipos de obras. Un bloque está formado por tres imaxes que se repiten en forma carteis e nas que se pretende trasladar os anuncios de publicidade lixo comentados ao terreo expositivo, sacándoos do medio dixital para o físico e cuestionándoos dende un punto de vista irónico. “Cunha pátina decadente e unha linguaxe con clara influencia publicitaria, os carteis son presentados como os encontraríamos na rúa, colados directamente na parede, intencionadamente imperfectos e repetidos a propósito formando conxuntos”, afirma o egresado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Nestas pezas, detalla, o texto está directamente sacado de publicidade real, só con leves modificacións, e nas imaxes substitúese a iconografía de poder e “éxito” por outras máis cotiás (como unha galiña) e que parodian o alí escrito.

Acompañando a estas “nubes” de carteis atópanse outras obras, de formato maior e copia única. Nelas, o texto está ausente e as protagonistas son figuras anonimizadas que representan a certos modelos. “A persoa detrás da pantalla, a influencer que fai diñeiro co seu teléfono intelixente, o futbolista ídolo e o emprendedor das redes. Todas elas acompañan e complementan ás outras obras, cunha iconografía diferente. Constrúo así un certo diálogo entre elas, onde tamén o público invade ao privado, fundíndose e confundíndose e levándoo do mundo dixital ao mundo físico”, sinala Adrián Conde.