DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O espazo expositivo do campus recupera a vindeira semana a súa actividade

De Sala X a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes

Cunha exposición de obras do docente e artista, falecido en 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/10/2021

Completados os traballos de renovación dalgún dos seus elementos, a sala de exposicións do campus de Pontevedra retomará a súa actividade o vindeiro venres 15 de outubro. Mais xa non baixo a denominación de Sala X, senón como Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, en homenaxe a este artista e profesor da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017. O espazo abrirá de novo ás súas portas, de feito, coa mostra Manuel Moldes. Vieiros na memoria, unha exposición comisariada por Sara Donoso que se detén no interese do artista pontevedrés polo debuxo e o grafismo aplicados á pintura.

“Recordar o nome e a imaxe deste pintor, creador e profesor pontevedrés” é, como sinala o vicerreitor do campus, Jorge Soto, o obxectivo desta nova denominación que, como indica, foi unha cuestión abordada co equipo decanal de Belas Artes e que se adopta a raíz “dunha petición consensuada por parte da Xunta de Facultade”. A partir de aí, salienta Soto, “entramos en contacto coa familia de Manuel Moldes para intentar facer aquí unha exposición” con obras do propio artista homenaxeado. Un proceso que, “baixo a supervisión da comisaria Sara Donoso”, deu como resultado final a mostra que poderá visitarse a partires do vindeiro venres e que se detén no “interese de Manuel Moldes polo debuxo, polo grafismo, non só como disciplina autónoma, senón tamén aplicado á pintura”, como sinala a súa comisaria. Manuel Moldes. Vieiros na memoria, poderá visitarse entre o 15 de outubro e o 15 de decembro e recolle nese senso as obras da serie Vieiros do que fóra profesor do Departamento de Debuxo da UVigo, xunto con pezas como tres debuxos realizados en 1977 e ata agora inéditos.

Novos folgos

Con motivo do cambio de nome “aproveitamos tamén para darlle unha nova cara á sala, no solo, nas paredes, nas luces”, salienta Soto, que incide en que o obxectivo da Vicerreitoría é tratar de “potenciar” este espazo, “traballando en equipo coa Facultade de Belas Artes”. Coa profesora Chelo Matesanz como coordinadora e xunto coa directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, o obxectivo é definir unha “programación anual de exposicións”, que contribúa a situar este espazo “dentro do que é o circuíto de salas de exposición en Pontevedra”, salienta Soto.