DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal acolle dous seminarios web na data habitualmente dedicada ao seu patrón

Un San Leandro a través da pantalla para pór en valor a implicación das novas xeracións cos bosques e o rural

A través das experiencias de 'influencers' e do enxeñeiro mexicano José Carlos Martínez 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/03/2021

Cada ano, a Escola de Enxeñaría Forestal festexa o día do seu patrón, San Leandro, o xoves anterior á Semana Santa, que á súa vez se vía precedido polo programa de conferencias que a Delegación de Estudantes impulsaba ao longo da semana. A covid-19 impediu o pasado ano esta celebración e tamén que nestes días se leve a cabo de novo do xeito habitual. Co obxectivo de manter o espírito formativo e de conmemoración desta data, a delegación de alumnado, en colaboración coa Dirección da escola, promoveu este xoves a participación do estudantado no seminario web Sois origen, organizado pola Red Rural Nacional e protagonizado por tres “influencers rurais”. Pola tarde, a xornada completouse cun coloquio, a través de Campus Remoto, co enxeñeiro mexicano José Carlos Martínez, director de Innovación da ONG Reforestamos México e impulsor do podcast 1000 trabajos para forestales.

“É unha especie de celebración de San Leandro simbólica”, salienta o integrante da delegación de estudantes Gabriel Suárez, que destaca que, despois da súa suspensión o pasado ano, quixeron levar a cabo “todo o que se puidese facer para manter a tradición e o espírito” desta conmemoración, o que os levou a impulsar tamén o concurso de camisetas da festa ou a despregar a pancarta o centro exhibe nestas datas. Nese mesmo senso, o obxectivo de “adquirir competencias transversais e seguir ensinando máis aló das aulas” que definía as xornadas que precedían á celebración levounos a programar estes dous seminarios virtuais, que o alumnado podía seguir desde o propio centro. 

Influencers rurais

Desde a aula e a través dunha pantalla, o alumnado asistiu este mediodía ao webinar Sois origen. Nuevas formas de dar valor al medio rural, co que a Red Rural Nacional buscaba pór en valor as posibilidades que ofrece o medio rural a través das experiencias de tres mozos que decidiron emprender e desenvolver nel as súas vidas. Concretamente, interviron Miquel Montoro, un mallorquino de 13 anos que suma máis de 590.000 seguidores en Instagram e 178.000 en Youtube, onde presenta a súa vida explotación agrícola en Baleares; a enxeñeira técnica agrícola Lorena Guerra, que conta tamén cunha destacada actividade en Instagram; e a operadora forestal galega Laura Vallejo, que acumula tamén milleiros de seguidores nesta rede social. “Falamos de tres perfís que mostran actividades baseadas no sector primario, que ademais teñen o interese que dúas son mulleres novas, o que é tamén unha reivindicación nun mundo que se ve xusto ao revés”, salientou o director da EE Forestal, Juan Picos, desta actividade virtual que se completou coas presentación de experiencias de emprendemento no rural por parte da mocidade. 

Un achegamento á realidade mexicana

Pola tarde, o alumnado asistiu tamén, tanto desde o propio centro como de xeito virtual, a un coloquio con José Carlos Martínez, enxeñeiro forestal pola Universidad Autónoma Chapingo e director de Innovación de Reforestamos México, quen a súa vez dá a coñecer o labor que levan a cabo enxeñeiros e enxeñeiras de diferentes países americanos a través da súa canle de Youtube e do seu podcast.  “Interesábanos esa visión máis global dunha persoa que viaxou a congresos forestais en distintas partes do mundo e que nos pode transmitir diferentes formas de xestión e manexo forestal”, salienta Suárez dunha actividade que, como engade Picos, busca tamén promover un “diálogo motivador e innovador” do alumnado con persoas “máis próximas a eles”. 

“A miña intención é conversar acerca dos retos e oportunidades que teñen os mozos forestais no contexto que estamos vivindo, desde a experiencia do que vivimos en América Latina e comparándoo co pouco que coñezo de España”, explica Martínez dun coloquio no que quixo pór de relevo como estes profesionais “poden e deben contribuír ao desenvolvemento sostible desde distintos espazos”. E para iso, sinalou Martínez, a formación académica debe ser capaz de “aproveitar todos os campos nos que os enxeñeiros forestais poden agregar valor”.