DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Persoal investigador da UVigo lidera un artigo no que se analizan as súas consecuencias

As secas, un evento extremo con “impactos significativos” na saúde

O traballo foi publicado na revista de referencia 'Annual Review in Public Health'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 02/05/2023

Unha das grandes preocupacións existentes actualmente en España e en moitos outros lugares do planeta é como afrontar as cada vez máis temperás e intensas secas. Persoal investigador da Universidade de Vigo, do CISC e da Universidade de Berna (Suíza) abordan nun artigo publicado na revista americana Annual Review in Public Health, referente internacional no seu eido, as consecuencias da seca para a saúde pública no contexto do cambio climático. Froito da análise realizada, nas súas conclusións sublíñase que “o cambio climático ten profundas implicacións para a saúde pública e a seca é un evento extremo con impactos significativos na saúde”.

No artigo, titulado Public health implications of drought in a climate change context: a critical review, por parte do grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo participan a investigadora Coral Salvador e os catedráticos e físicos Raquel Nieto e Luis Gimeno. Completa o panel de autores Sergio Vicente (Instituto Pirenaico de Ecología do CSIC), Ricardo García (Universidad Complutense de Madrid e Instituto de Geociencias do CSIC) e Ana M. Vicedo (Instituto de Medicina Social e Preventiva da Universidade de Berna, Suíza). Trátase dun grupo composto por especialistas en clima, cambio climático e impactos na saúde debidos a aspectos ambientais. As e os autores con afiliación en España forman parte dunha Unidade Asociada UVigo-CSIC e pertencen á Plataforma do CSIC para o Clima e os Servicios Climáticos (PTI+ Clima).  

A revista Annual Review of Public Health “de absoluta referencia para a sanidade pública a nivel mundial”, explican os membros de EPhysLab, cubre os avances significativos no campo da saúde pública. A publicación, detallan, “só admite artigos por invitación que son decididos nun comité editorial a proposta dos membros dunha comisión interna de expertos en saúde pública e estes artigos deben reflexar temas candentes e de repercusión no momento e que consideran terán grande impacto no futuro”. Neste caso, a revista convidou a Coral Salvador a realizar o estudo agora publicado, destacando desde EPhysLab o feito de que esta investigadora da UVigo “é a primeira muller europea en publicar como primeira autora un artigo nesta revista e que tampouco ata o día de hoxe foi nunca publicado un artigo nesta revista completamente integrado por españois”.

Tendencias climáticas e impactos

O traballo publicado analiza “as tendencias observadas e proxectadas na ocorrencia de secas, avalía os principais impactos da seca na saúde e proporciona unha descrición xeral das políticas de prevención e adaptación, brindando recomendacións para abordar futuras ameazas do cambio climático e mellorar a resiliencia”. Nas súas conclusións sinálase que “os diferentes estudos climáticos prevén que os fenómenos meteorolóxicos extremos aumenten debido ao cambio climático, o que podería supoñer unha carga adicional de morbilidade e mortalidade para os seres humanos”. Estudos previos, indícase, mostran que a severidade da seca aumentou nas últimas décadas, o que se asocia principalmente con cambios na demanda atmosférica de evaporación. O aumento principal, detállase, observouse nas rexións subtropicais e semiáridas do mundo e os datos de impacto ambiental e agrícola apoian esta observación, prevéndose que o aumento continúe nas próximas décadas. “As proxeccións do cambio climático mostran un aumento dominante na frecuencia e severidade das secas en grandes rexións do mundo. Este aumento estará asociado cunha maior variabilidade das precipitacións en todo o mundo, unha diminución das precipitacións nalgunhas rexións e un aumento xeral da temperatura e a demanda atmosférica”, recóllese no texto. Mesmo en áreas onde se espera que aumente a precipitación, espéranse períodos de déficit de precipitación. “Por tanto, os modelos de impacto proxectan que as secas traduciranse nun aumento dos efectos socioeconómicos e ambientais en escenarios climáticos futuros”, sinala o equipo investigador.

A exposición á seca, indícase nas conclusións do traballo, “ten impactos de grande alcance na saúde que afectan a millóns de persoas en todo o mundo, independentemente do nivel de desenvolvemento socioeconómico dun país e inclúe varias causas e consecuencias asociadas”. As repercusións negativas da seca na saúde, detalla o equipo investigador, poderían estar relacionadas cun maior risco de enfermidades transmitidas pola auga, os alimentos e o transmisores de enfermidades e cun maior risco de desnutrición. Ademais, as secas, apuntan, poden en moitas ocasión ir ligadas a ondas de calor e a unha maior contaminación atmosférica. Todo o anterior leva a enfermidades cardiovasculares e respiratorias e, en última instancia, á unha posible mortalidade, afírmase no estudo, no que se engade que a seca tamén se relaciona con trastornos de saúde mental asociados coa perda económica, a migración e o desarraigamento social. “Os impactos da seca experiméntanse de maneira desigual entre as comunidades e os grupos de poboación: as persoas cunha vulnerabilidade potencialmente maior, como os nenos, as persoas maiores, as mulleres e as persoas cun nivel socioeconómico baixo, e aqueles que sofren unha maior exposición aos perigos, a miúdo vense máis afectados. Estes impactos veranse exacerbados co cambio climático”, recóllese no traballo.

Estratexias e retos

Respecto ás estratexias para reducir os impactos na saúde relacionados coa seca, o artigo indica que “están ben definidas e implican pasar da xestión de crise á xestión de riscos”. Porén, apúntase no texto, “débense implementar plans de acción integradores para protexer a saúde humana de maneira máis efectiva. A transferencia de recursos sobre todo aos países en desenvolvemento ou infradesenvolvidos é crucial para reducir o risco e a vulnerabilidade e, en última instancia, para mellorar a resiliencia das poboacións a medida que cambia o clima”. O artigo publicado, indican as e os seus promotores, “pon de manifesto e pretende que serva de base para as diferentes investigación en cantas máis rexións do mundo mellor” e nel abórdase a múltiple diversidade dos estudos que deben ser realizados xa que a variación dos impactos entre países e comunidades débense a múltiples factores, como o envellecemento, o status socioeconómico, o acceso á atención sanitaria e o xénero, que afectan á resiliencia da poboación. “A necesidade de publicar este artigo non só se debe a pór en evidencia o impacto das secas na saúde humana a través de diferentes mecanismos, senón tamén de pór en manifesto a absoluta necesidade de crear plans de acción proactivos e integradores centrados na xestión dos riscos, e que se debe transferir recursos aos países en desenvolvemento e a os máis desfavorecidos para reducir a súa vulnerabilidade e os diferentes riscos ante os efectos das secas”, afirma o equipo investigador.

O artigo foi escollido polo Global Consortium on Climate and Health Education da Universidade de Columbia, en Estados Unidos, no marco dos seus  Climate Clinics: Be the Expert, nos que fan unha recompilación de episodios formativos nos que semanalmente poñen en manifesto as liñas más destacadas en clima e saúde para a formación de profesionais, investigadores e actores sociais e políticos con toma de decisións.