DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Andrea Fernández reitera o compromiso do seu partido con ter lista canto antes a Lei Trans

A secretaria de Igualdade do PSOE analiza co alumnado de Dereito a nova Lei de Liberdade Sexual

A facultade acolle este xoves diversas actividades organizadas polo grupo de investigación AGAF

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 10/11/2022

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este xoves dúas actividades organizadas polo grupo de investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito AGAF, da Universidade de Vigo. Por unha banda, Andrea Fernández, secretaria de Igualdade do PSOE, abordou nunha conferencia e desde un punto de vista xurídico a nova Lei de Liberdade Sexual, a chamada lei do 'só si é si', e por outra, esta tarde celebrarase unha xornada sobre nesgos cognitivos, argumentación e decisión xudicial.   

Dúas leis polémicas

A conferencia de Andrea Fernández levou por título Dos movementos sociais á Lei de Liberdade Sexual: un repaso á elaboración dunha norma desde a reivindicación feminista e tivo lugar pola mañá como parte do ciclo de conferencias Feminismo e Teoría do Dereito, organizado neste centro baixo a dirección do catedrático Pablo Raúl Bonorino, director do grupo AGAF, e coordinado polo profesor Xosé Manuel Pacho. A iniciativa contou co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación a través de diversos proxectos. Na súa intervención ante o alumnado presente, Andrea Fernández contextualizou esta nova Lei de Liberdade Sexual no movemento feminista, fixo un repaso sobre o que aconteceu entre 2016 e 2019 co controvertido caso coñecido como A Manada e “como todos aqueles movemento sociais desenvocaron nunha lei que a día de hoxe xa está aprobada e que aborda dun xeito integral todo o que ten que ver cos delitos de liberdade sexual e que ademais produciu unha modificación do código penal bastante significativa”.

A tamén deputada no Congreso pola provincia de León, salientou na conferencia a súa satisfacción por estar nun espazo como o universitario e cun público formado por alumnado universitario, neste caso de Dereito. Neste senso, comezou destacándolle ás e aos estudantes presentes a súa convicción de que “como futuros xuristas deben vostedes coñecer as leis, sen guiarse nalgúns casos por todo o que ten que ver coa polarización ou información nesgada da prensa” e lembroulles que na elaboración de cada lei “normalmente traballan xuristas de moito nivel”. Neste contexto, a Lei de Liberdade Sexual, dixo, foi unha lei “moi controvertida, nalgúns casos mal valorada”, polo que destacou a súa satisfacción por abordala nunha conferencia como a celebrada este xoves en Ourense. “É unha oportunidade para que debatamos, para que poidamos falar con propiedade, desde unha perspectiva xurídica, deste texto”, comentou a convidada, salientando que “como xuristas debemos ambicionar poder criticar un texto legal desde unha perspectiva xurídica e non desde algunhas informacións que saen nos medios de comunicación”.  

Desde un punto de vista mediático, comentou a relatora en declaracións aos medios antes da súa intervención, “a abordaxe desta lei centrouse moito na parte penal pero realmente é unha lei moi completa porque aborda a violencia sexual desde unha perspectiva integral: ao final o que promove esta lei é que o estado se faga cargo da vítima desde que se produce a agresión, asistíndoa a través dos centros de 24 horas desde unha perspectiva sanitaria, psicolóxica e legal”. Así, detallou, neste novo marco prodúcese un acompañamento durante todo o proceso. “Creo que a parte máis novidosa da lei ten que ver precisamente con esa construción de centros 24 horas en todas as provincias de España para atender ás vítimas de violencia sexual”, dixo Andrea Fernández. A responsable de Igualdade do Partido Socialista sinalou neste senso como “somos un país pioneiro a nivel europeo nesta cuestión e creo que isto ten moita máis relevancia, moita máis importancia e moito máis impacto para as vítimas que todo o que ten que ver coa parte penal, sendo a parte penal por suposto tamén moi importante”.

A preguntas das xornalistas, Andrea Fernández tamén se referiu á tramitación da Lei Trans, indicando que “é de sobra coñecido por todo o mundo que efectivamente é unha lei complicada, é unha lei que ten xerado algúns disensos e que se atopa agora mesmo en debate parlamentario”. Actualmente, dixo, “o Partido Socialista e outros grupos temos presentado unha serie de emendas ao texto, ao articulado, e nestes momentos estamos facendo un traballo de debate, de busca de consensos, e de traballo un pouco discreto e negociando entre todos os grupos para intentar que a lei saia o antes posible”. Aínda, detallou, quedan por celebrar tres plenos neste período de sesións “e en función de como vaian as negociacións aínda pode saír adiante este ano”, recalcando que o compromiso do seu partido é que esta “lei estea lista canto antes”.

Na súa visita ao campus de Ourense, Andrea Fernández amosou tamén a súa satisfacción por conversar cun público mozo. “Eu son moi optimista respecto á mocidade. Creo que particularmente as rapazas están moi interesadas e moi concernidas por este tipo de causas”, comentou. Porén, engadiu, “si que me preocupan un pouco máis os varóns, porque as enquisas, os datos, o que nos din é que se está producindo unha pequena reacción en todo o que ten que ver co avance dos dereitos das mulleres e iso a min preocúpame, porque son unha firme defensora de que a última grande causa que lle queda á igualdade é a incorporación dos homes para converterse nunha conquista definitiva”, afirmou. Por este motivo, incidiu na importancia de achegarse a unha cuestión legal como a da Lei de Liberdade Sexual “desde unha perspectiva achegada e tranquila, para que todos nos poidamos incorporar a ela e entendamos que máis alá dos prexuízos é algo necesario e bo para toda a comunidade, non só para as mulleres”.

Nesgos cognitivos

Tamén este xoves pero xa pola tarde, a Facultade de Dereito acollerá a Xornada sobre Nesgos, Argumentación e Decisión Xudicial. A actividade contará coa participación de xuristas das universidades de Vigo, León, País Vasco, Santiago e Salamanca, ademais da propia Andrea Fernández. Neste caso, a iniciativa forma parte do proxecto Nesgos Cognitivos e Discrecionalidade Xudicial, dirixido polo propio Pablo Raúl Bonorino e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. A xornada está organizada baixo a dirección deste catedrático e coordinada polo profesor Xosé Manuel Pacho, contando tamén co apoio da Xunta de Galicia.