Nunha xornada do proxecto transfronteirizo Net4Food
O sector alimentario galego tece redes de colaboración no campus
A actividade contou coa participación de arredor de 80 profesionais
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da xornada Net4Food Matching: Conectando empresas e investigadores para a innovación alimentaria, organizada polo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). O seu obxectivo foi explorar e fomentar oportunidades de colaboración en I+D+i no sector alimentario entre empresas e persoal investigador. A iniciativa, na que participaron 80 profesionais, forma parte do proxecto Net4food, que impulsa a creación dunha rede alimentaria de excelencia entre Galicia e o norte de Portugal.
A programación arrancou cunha benvida a cargo do director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, David Fernández Calviño, na que presentou Net4Food. Seguíronlle charlas sobre convocatorias relevantes para a colaboración universidade-empresa e sobre procedementos para contratos de colaboración coa institución académica. O groso da xornada centrouse na exposición por parte de diferentes grupos de investigación do campus de Ourense do traballo que realizan en diversas liñas estratéxicas do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Igualmente, houbo espazo para un panel sobre novos retos na industria alimentaria e oportunidades de colaboración coa UVigo, unha pequena mostra de produtos alimentarios e traballos desenvolvidos con empresas, unha visita á planta piloto alimentaria do campus, unha cata de aceites e reunións bilaterais.
Fortalecer o ecosistema de I+D+i alimentario
Net4Food, lembrou David Fernández, naceu en 2023 co obxectivo de crear unha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal que incida no desenvolvemento do sector a través da cooperación, a innovación e a sostibilidade. Coordinado polo Instituto Politécnico de Bragança, nel participan a Universidade de Vigo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, así como o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor.
O proxecto desenvolverase ata finais de 2025 con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder, sendo o seu orzamento total de 688.264 euros. Os seus socios están a traballar na análise, capitalización e sistematización do coñecemento innovador existente no sector como base para orientar a acción da citada rede alimentaria de excelencia entre Galicia e o norte de Portugal e do futuro Iberian FoodTec Lab e crearán a estrutura operacional básica desta rede, garantindo a súa viabilidade alén do proxecto. Ademais, traballan na articulación de novos procesos de transferencia, favorecendo o xurdimento de novos produtos e interrelacionando os diferentes axentes do ecosistema de I+D+i alimentario na eurorrexión para xerar novas sinerxías entre eles. Net4Food tamén inclúe promover as capacidades innovadoras do ecosistema de investigación, introducindo a formación de persoal investigador actual e futuro e xerando relacións empresariais baseadas en novas liñas de innovación.
A participación da Universidade de Vigo no proxecto, canalizada a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e en liña co proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga, é de dinamizador do ámbito académico agroalimentario de Galicia, mellorando a colaboración científica, a transferencia de coñecemento e a valorización de recursos endóxenos da eurorrexión. Especificamente e entre outras accións, coordina o desenvolvemento do plan estratéxico da rede e da liña de traballo en capacitación e valorización do talento a través do desenvolvemento de seminarios, a organización dun congreso Interfood e a xestión de intercambios académicos. Neste marco de traballo está a xornada celebrada este mércores en Ourense.