DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un traballo conxunto entre Telefónica, Optare Solutions e a UVigo

Seguen os avances no desenvolvemento das futuras redes 5G: vídeos de ultra alta definición e condución remota

A rede empregada adáptase de maneira automática e en tempo real ás capacidades demandadas polo clien

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 04/03/2021

Se hai apenas un mes a Universidade, como responsable do Laboratorio 5G e centro de investigación cunha ampla experiencia nesta temática,  acollía as primeiras probas piloto que se realizaban en Galicia, e das primeiras a nivel mundial, de Network Slicing 5G, o Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo –adscrito ao centro de investigación atlanTTic- continúa a realizar novas probas de concepto de redes 5G autoxestionadas, un traballo que volve a realizar da man de Telefónica e de Optare Solutions . O proxecto consistiu nesta ocasión en desenvolver dous casos de uso baseados nunha rede 5G autoxestionada co obxectivo de amosar as posibilidades do Network Slicing 5G ao aplicalo á produción de vídeo e ao coche conectado.

Telefónica liderou a proba de concepto de redes 5G autoxestionadas, mentres que Optare implementou os casos de uso e as funcións de calidade na redes, e o equipo da Universidade de Vigo, liderado polo profesor Felipe Gil, despregou, xunto ao equipo de Optare, os recursos da rede virtualizada. A maiores, nesta proba tamén paritipou Minsait na configuración de dita contorna de virtualización e GCTIO.

Vídeos de ultra alta definición e condución remota

Neste caso Telefónica apoiouse nunha rede 100% virtualizada para despregar dous servizos con necesidades moi diferentes. Por unha parte, un servizo de streaming de vídeo en Ultra Alta Definición que require grande ancho de banda e alta fiabilidade, para o que Network Slicing permite garantir as velocidades de transmisión e a calidade de rede adecuadas para os usuarios deste servizo de vídeo . O segundo caso é un servizo de condución remota dun coche teledirixido no que as baixas latencias e a estabilidade nas mesmas son requirimentos esenciais. Da mesma maneira, Network Slicing proporciona unha capa de rede virtualizada específica para esta tipoloxía de servizos que asegura latencias baixas e estables na conexión.

En ambos casos de uso empregáronse técnicas de machine learning que analizan de forma constante a calidade do servizo e da experiencia de usuario, ademais de ter a capacidade de previr unha posible degradación do servizo e, en caso de producirse, tomar en tempo real as accións necesarias para reestablecer a calidade, algo que é posible mediante o cambio a slices de maior calidade de experiencia ou aumentando os recursos virtuais de rede asociadas ao servizo.

Tal e como sinalou Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica España, “grazas a este proxecto avanzamos na definición das futuras redes 5 G autoxestionadas, cuxo obxectivo é garantir que os clientes sempre gocen dunha calidade de experiencia óptima cando accedan a servizos 5 G. Para iso, a rede adáptase de maneira dinámica, automática e en tempo real (filosofía Zero Touch) ás diferentes capacidades demandadas polo cliente, ligadas ao concepto de Network Slicing”.