DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa Destrezas, impulsado pola UVigo, a Fuvi e o Consello Social, está orientado a estudantes

Seis cursos para adquirir destrezas básicas para a inserción laboral e o emprendemento

Centrados na oratoria, o traballo en equipo, a creatividade e as ferramentas en inglés

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 18/10/2021

Ademais dos contidos propios de cada titulación ou os idiomas, existen outro tipo de coñecementos transversais e básicos para a o desenvolvemento laboral e que, en moitos casos, non se adquiren no curso da formación regrada. Para que os futuros profesionais que saian das aulas da Universidade de Vigo conten con todo este tipo de ferramentas, a Área de Emprego e Emprendemento, a Fundación Universidade de Vigo e o Consello Social levan varios anos colaborando na posta en marcha do programa Destrezas, unha proposta complementaria á formación académica que ofrece ao alumnado dos últimos cursos a posibilidade de adquirir ou mellorar as súas habilidades de oratorio, traballo en equipo, innovación e creatividade. O programa complétase cun outros tres talleres sobre ferramentas de busca de emprego en inglés.

En total son seis obradoiros que se desenvolverán en horario de mañá entre finais deste mes de outubro e o mes de novembro. A formación é de balde e está orientada a estudantes dos dous últimos cursos de grao así como aos participantes no programa Incuvi-2021.

Seis opcións para mellorar as destrezas na busca de emprego

Os primeiros cursos en arrancar serán os de busca de emprego en inglés, que terán tres sesións: 27 de outubro en Vigo, no edificio Miralles; 3 de novembro en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal e 17 de novembro en Ourense, no Edificio de Ferro. Nos tres casos o horario será de 10 a 13 horas e da man de docentes do Centro de Linguas as persoas asistentes poderán aprender a crear currículos, cartas de presentación, etc. en inglés.

O taller de oratoria será o 4 de novembro impartido por Daniel Formoso, experto en comunicación, programación neurolingüística e intelixencia emocional. Contará tamén coa participación de Guillermo Fernández, estudante da Escola de Enxeñería Industrial e recentemente gañador da Liga Española de Debate Universitario como mellor orador.

O día 11 será para o taller de traballo en equipo, que impartirá David Pereiro, consultor de desenvolvemento organizativo na Área de Consultaría de Algalia. Contará para este curso coa presenza de Begoña Fernández, medallista olímpica, xogadora e adestrador de balonmán e capitana da selección española.

Finalmente, o día 25 de novembro desenvolverase o curso de innovación e creatividade, da man de Pablo López, formador e consultor internacional con experiencia no desenvolvemento de proxectos de cultura de innovación e deseño de produtos e servizos e fundador e CEO de Creativigo.

Os seis cursos son de balde e a admisión realizarase por orde de inscrición. O número de prazas é de 30 por curso, salvo nos de idiomas, que será de 20.