DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesión serán de balde ás 20.00 horas

O Semana de Cine Submarino regresará ao auditorio de Afundación os días 3, 4 e 5 de novembro

Unha das xornadas dedicarase integramente a producións galegas, entre elas unha estrea mundial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 09/10/2026

Cunhas semanas de adianto respecto de edicións anteriores, a Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo volverá achegar este mes de novembro aos amantes do mar e do cine imaxes inesquecibles. A que será a trixésimo cuarta edición celebrarase os días 3, 4 e 5 de novembro e volverá ter como sede o Auditorio do teatro Afundación de Vigo (entrada por Marqués de Valladares). Deste xeito, consolídase esta localización que se estreou o ano pasado para acoller unha das citas máis antigas e con máis tradición da Universidade olívica. 

Nesta ocasión, dende a Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria quixeron reforzar a aposta da Semana de Cine Submarino polas creacións galegas, polo que unha das xornadas se dedicará integramente a producións feitas en Galicia, unha das cales realizará neste foro a súa estrea mundial.

A programación completa da semana presentarase en vindeiras datas e volverá achegarse ao mundo mariño a través de curtas e longametraxes nacionais e internacionais, contando tamén coa presenza de expertos e expertas ambientais, documentalistas e divulgadoras e divulgadores mariños que ofrecerán coloquios para o público. 

A asistencia ás proxeccións e debates será de balde e ata completar a capacidade da sala os tres días ás 20.00 horas.