DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No presente curso, leváronse a cabo dúas edicións desta iniciativa

As semanas de recollida de RAEEs permiten reunir preto de 250 aparellos

O seu obxectivo é concienciar da importancia do correcto tratamento destes residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/06/2021

Numerosos compoñentes electrónicos, cables, periféricos de ordenador, cargadores e transformadores, 22 ordenadores, 18 teclados, 13 impresoras, 12 altofalantes... As dúas edicións da Semana de Recollidas de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) desenvolvidas no presente curso no campus permitiron reunir preto de 250 aparellos e compoñentes nos puntos de recollida habilitados nas diferentes facultades e escolas. Inserida no plan de acción do programa Green Campus, esta iniciativa ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten un correcto tratamento destes residuos, dado o carácter contaminante dalgúns dos seus compoñentes. 

Tras levarse a cabo previamente no mes de novembro, a décimo cuarta edición desta iniciativa tivo lugar a pasada semana, permitindo reunir máis de 80 compoñentes informáticos e electrodomésticos, aos que se suman máis dun centenar de disquetes, depositados no punto habilitado na Escola de Enxeñaría Forestal, o centro con maior participación nesta edición. Todos os obxectos depositados no marco dunha iniciativa que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade serán trasladados a un xestor autorizado no tratamento deste tipo de residuos, coa excepción daqueles equipos informáticos susceptibles dun novo uso, que serán entregados ao Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade (Gruvi).

Unha actividade que “transmite unha idea importante"

“Concienciar e non contaminar” son, como sinala o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, os dous obxectivos dunha actividade que pon o foco na importancia de que os aparellos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías teñan un “tratamento adecuado” como residuos, “xa que teñen compoñentes contaminantes”. Tras unha edición que coincidiu co período de exames, o que fixo que a participación “fose algo inferior”, Souto pon de relevo o seu "agradecemento á comunidade universitaria” que, edición tras edición, participa nesta iniciativa. Nela, explica, reúnense principalmente equipos e compoñentes informáticos, derivados da propia actividade académica, aínda que tamén outra serie de aparellos procedentes dos fogares das e os participantes. De feito, neste curso recolléronse dispositivos de telepeaxe, videoconsolas, ferros da roupa, estufas ou aspiradores. 

Estas semanas de recollida continuarán o vindeiro curso, “seguramente con dúas edicións, coas que cremos que somos capaces de cubrir todas as necesidades”, apunta Souto, que, máis aló dos aparellos reunidos, pon o foco en que se trata unha actividade que “transmite unha idea importante”.