DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado desde o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero da UVigo

Un seminario afonda nos desafíos e oportunidades que supón a dixitalización da xustiza para os colectivos vulnerables

A actividade tivo lugar este xoves na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 17/09/2026

O campus de Ourense acolleu este xoves a celebración do seminario Fenda dixital e xustiza inclusiva. Retos para unha transformación dixital accesible, próxima e garantista. Nela, analizáronse os desafíos e oportunidades que a dixitalización da administración de xustiza presenta para os colectivos máis vulnerables. Dirixida por Inés Celia Iglesias Canle e Ana Isabel González, a actividade estivo organizada desde o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero; as facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Área de Dereito Procesual, co apoio da Deputación de Ourense. 

A xornada, coordinada por Helena López, articulouse en diferentes mesas. Na primeira delas abordáronse os colectivos vulnerables ante a dixitalización, a xustiza dixital accesible e a linguaxe xurídica clara, con intervencións de Iglesias Canle, Ana Isabel González e Laura Scialò. Na segunda, moderada por Ana Isabel González, profundouse na xustiza dixital inclusiva desde unha perspectiva histórica, xurídica, social e tecnolóxica, con intervencións de Helena López sobre a fenda dixital de xénero; de Enrique Barreiro sobre o deseño de ferramentas dixitais accesibles, e de María José Bravo Bosch sobre fenda dixital, igualdade e protección das persoas vulnerables.

O programa incluíu tamén un espazo para a presentación de comunicacións vinculadas a liñas como a fenda dixital e o acceso á xustiza; a dixitalización das administracións e a intelixencia artificial; a vulnerabilidade, xénero, exclusión dixital e xustiza de proximidade; e a accesibilidade, linguaxe clara e alfabetización xurídico-social. A xornada finalizou cun debate xeral e unha clausura a cargo das directoras da actividade.

O seminario, explican as súas responsables, naceu en relación cun proxecto sobre a xustiza dixital inclusiva en Ourense, liderado pola investigadora Ana Isabel González e realizado grazas á convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026, financiada pola Deputación de Ourense. Nel abordouse o reto de que a xustiza chegue, en igualdade de condicións para a cidadanía, a todos os puntos da provincia, aproveitando a dixitalización e superando dificultades de dispersión xeograficamente, idade e todo tipo de condicionantes.