A actividade celébrase este mércores e xoves na Facultade de Dereito
Un seminario analiza desde o punto de vista xurídico as problemáticas que afrontan as fincas que lindan con ríos
Contando co punto de vista dos principais axentes que interveñen nesta materia
Este mércores e xoves, celébrase na Facultade de Dereito do campus de Ourense o seminario Dominio público hidráulico e réxime xurídico da propiedade privada lindeira. A cita reúne a especialistas do ámbito académico e doutros sectores para analizar, tanto desde a perspectiva do dereito civil como administrativo, as problemáticas que afrontan as persoas propietarias de fincas que lindan con ríos.
O seminario está organizado polo grupo de investigación Medea Iuris Crea da Universidade de Vigo e nel colabora profesorado de Dereito Civil e de Dereito Administrativo da Facultade de Dereito de Ourense. A iniciativa está dirixida desde a UVigo por Eva Fernández (profesora axudante doutora de Dereito Civil) e Sofía Salgado (contratada predoutoral FPU), e coordinada por Lidia Noriega (profesora titular de Dereito Civil) e Paula Gamallo (profesora interina de Dereito Administrativo).
O encontro, explican as súas responsables, “examina unha cuestión cotiá nunha provincia atravesada polos ríos Miño e Sil: que pode e que non pode facer quen é propietario dunha finca que linda cun río e que ocorre cando esa finca sofre danos”. Neste contexto, sinalan, deseñaron unha actividade que busca ofrecer “unha visión completa dun problema que afecta a milleiros de propietarios na provincia: desde as limitacións que a lexislación de augas impón ás fincas situadas nas zonas de servidume e de policía dos cauces ata as vías para reclamar cando un vertido, unha obra ou unha avenida danan unha propiedade”.
Dous días de actividade
A inauguración do seminario correu cargo da decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez, e tras ela arrancou un programa que reúne a especialistas de universidades e institucións como a UVigo, a UNED, a Universidad de Granada, a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de Ourense e o Rexistro da Propiedade. A actividade, sinalan desde a organización, “concíbese como un foro de discusión cos principais operadores xurídicos da materia: asesores xurídicos dos organismos de conca, rexistradores, notarios, avogados e xuíces”.
Concretamente, o seminario estrutúrase en dúas xornadas temáticas. A deste mércores, 7 de outubro, estivo dedicada ao ámbito civil, abordando cuestións como a extensión e o obxecto do dereito de propiedade nas fincas lindeiras con canles públicas e os dereitos sobre augas privadas e o réxime transitorio da lexislación de augas. Tamén se analizaron cuestións como as accións de tutela dominical (reivindicatoria, declarativa e negatoria), a reparación e indemnización de danos á propiedade privada lindeira, e a representación gráfica xeorreferenciada na coordinación rexistro-catastro. O xoves 8 de outubro a programación centrarase no ámbito administrativo, con intervencións sobre os efectos da diminución de recursos hídricos nos títulos habilitantes, o réxime urbanístico do dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, e os efectos da delimitación de perímetros de protección de captacións de augas de consumo humano sobre o dereito de propiedade.
No marco dun proxecto
A actividade realízase no marco do proxecto de investigación Estudo do dominio público hidráulico en relación co réxime xurídico da propiedade privada lindeira, financiado pola Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense a través da convocatoria de Axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense (Inou 2026). Ademais, a súa temática está el liña co proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia Campus Auga.
